Estás en:Emprego Novas

O Milladoiro acolle ata o 6 de xuño a exposición interactiva “XX anos de O bosque animado”

Esta mostra forma parte da programación coa que se conmemora o vixésimo aniversario da estrea en galego da película de animación realizada pola produtora coruñesa Dygra Films, "O bosque animado", a primeira longametraxe de animación integramente en 3D producida fóra dos Estados Unidos e en galego

O Milladoiro acolle ata o 6 de xuño a exposición interactiva “XX anos de O bosque animado”

Este martes pola tarde inaugurouse no Milladoiro a mostra interactiva "XX anos de O bosque animado". Esta mostra forma parte da programación coa que se conmemora o vixésimo aniversario da estrea en galego da película de animación realizada pola produtora coruñesa Dygra Films, "O bosque animado", a primeira longametraxe de animación integramente en 3D producida fóra dos Estados Unidos e en galego. Dita exposición pode visitarse ata o 6 de xuño na Casa da Cultura do Milladoiro. É de acceso libre e gratuíto para todos os públicos.

O concelleiro de Educación e Axenda Urbana, David Santomil, o deputado da Deputación da Coruña, José Luis Penas, e mailo director da película, Manolo Gómez, inauguraron onte pola tarde, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, a exposición interactiva "XX anos de O bosque animado". Dita mostra forma parte da programación coa que se conmemora o vinte aniversario da estrea de "O bosque animado. Sentirá-la súa maxia", o primeiro filme de animación 3D producido en Europa, realizado integramente na Coruña e gañador de dous premios Goya —mellor película de animación e mellor canción orixinal— e de vinte galardóns internacionais.

Tras pasar polos concellos de Cambre, A Pobra, Pontedeume e Narón, a mostra chega ao concello de Ames, onde estará exposta ata o vindeiro 6 de xuño. Esta exposición conta co apoio da Deputación da Coruña, a través do departamento de Normalización Lingüística. A exposición inclúe paneis informativos sobre a produción filme, entre eles maquetas, esculturas, ilustracións e os dous Goya que acadou. A estrea do filme celebrouse o na Coruña o 3 de agosto de 2001 e a celebración dese vinte aniversario chega un ano despois, por mor da pandemia da Covid-19.

Adaptación da novela de Wenceslao Fernández Flórez "O bosque animado", xa levada con éxito á gran pantalla por José Luis Cuerda en 1987, a versión en 3D viuse en máis de 50 festivais de todo o mundo, estivo preseleccionada á edición dos Oscar de 2003, traduciuse a 21 linguas, vendeuse en 66 países e tivo máis de un millón de espectadores en Europa.

Ademais, co fin de conmemorar a estrea da película, o Concello de Ames coa colaboración da Deputación da Coruña, desenvolveu onte, 24 de maio, unha serie de actividades de balde na Casa da Cultura do Milladoiro. Abriuse a xornada, ás 12.30 horas, co obradoiro "Así se fai unha película de animación", para o alumnado da ESO dos institutos de Bertamiráns e do Milladoiro, no que se falou do proceso de creación deste tipo de filmes. Xa pola tarde, ás 18:00 horas, proxectouse o filme de "O bosque animado", á que asistiu o director da película, Manolo Gómez.

O concelleiro de Educación e Axenda Urbana, David Santomil, indica que "O Bosque Animado foi un filme pioneiro no audiovisual galego en moitos aspectos, tanto no uso da tecnoloxía como nos valores identitarios e lingüísticos que implica. Fai agora 20 anos desta obra mestra, premiada nos Goya e recoñecida a nivel internacional. É un orgullo acoller esta exposición en Ames e dar a coñecer a súa orixe e contido, en particular no ámbito educativo. Agradecer á Deputación da Coruña a súa colaboración e a Manolo Gómez a súa dispoñibilidade para explicarnos todos os detalles da exposición".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X