Estás en:Emprego Novas

Estíbaliz Veiga pechou o FEM, o festival que lle deu visibilidade á muller creadora entre a poboación escolar de Vimianzo e Zas

Logo do éxito acadado nesta primeira edición, o Festival Escena Muller (FEM), unha iniciativa de Aantena que contou co apoio económico da Deputación da Coruña e a colaboración dos departamentos de igualdade dos Concellos de Vimianzo e de Zas, terá continuidade, segundo avanzou a institución provincial

500 escolares de Vimianzo e Zas, de Infantil, Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato, gozaron e aprenderon coas diferentes actividades durante os meses de marzo, abril e maio

Estíbaliz Veiga pechou o FEM, o festival que lle deu visibilidade á muller creadora entre a poboación escolar de Vimianzo e Zas

"Golpes", de Estíbaliz Veiga, pechou no auditorio de Vimianzo a primeira edición do Festival Escena Muller (FEM), unha iniciativa de Aantena que contou co apoio económico da Deputación da Coruña e a colaboración dos departamentos de igualdade dos Concellos de Vimianzo e de Zas. Precisamente a 500 escolares desas localidades (de Infantil, Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato) chegou con éxito a mensaxe no que o FEM insistiu nos durante os meses de marzo, abril e maio: "Darlle visibilidade á muller creadora, expoñer e reflexionar sobre o papel da muller na sociedade, e apostar polo seu empoderamento nun mundo habitualmente dominado por olladas masculinas", en palabras da responsable provincial de Igualdade María Muíño.

A través de espectáculos e mesas de reflexión, actrices e creadoras audiovisuais, educadoras sociais e sociólogas, introduciron as súas propostas. Diana Sieira explorou en "The witch", dende feitos históricos, o uso e manipulación da muller a quen noutros tempos se lle chamou bruxa. Carme Conde propuxo "Mikrama", un espectáculo de narración oral que recolle conversas sobre sexualidade con mulleres, de entre 70 e 95 anos, de Valmiñor, o Morrazo, o Courel, a Mariña Lucense, a Costa da Morte e o Couto Mixto. Victoria Pérez ofreceulles aos máis cativos contos teatralizados que defenden a diversidade e loitan contra os estereotipos de xénero. E na mesma liña integradora e de aposta pola igualdade foron as propostas de Noelia Darriba, Judith Iglesias e Estíbaliz Veiga.

O éxito do festival foi tal, que garante a súa continuidade. "É o noso compromiso seguir achegando este tipo de programas o maior territorio da provincia posíbel, así que imos poñer en andamento novas edicións", explicou María Muíño.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X