Estás en:Emprego Novas

“Pequenas grandezas”, de Andrea Varela e Aurora Rodríguez, gaña o VIII Concurso de guións contra a violencia de xénero da Deputación da Coruña

O xurado considera que o traballo "incide na violencia vicaria, ten moi boa estrutura e moita capacidade de integrar ao alumnado das distintas etapas"

“Pequenas grandezas”, de Andrea Varela e Aurora Rodríguez, gaña o VIII Concurso de guións contra a violencia de xénero da Deputación da Coruña

"Pequenas grandezas", das alumnas do IES de Arzúa Andrea Varela e Aurora Rodríguez, é o gañador do VIII Concurso de guións contra a violencia de xénero, convocado pola Deputación da Coruña. Varela e Rodríguez, quen tiveron como titora á docente, María Esperanza Rocamonde, recibirán como galardón un curso práctico de realización de curtas no que se producirá un vídeo baseado no seu guión; ademais, outórgase un premio en metálico de 4.000 euros ao centro educativo arzuán, vencedor tamén na edición de 2020 co guión "Escondite inglés".

O xurado estivo formado por María Muíño, deputada provincial de Igualdade, en calidade de presidenta, e polas vogais Eva Ovenza, técnica de Igualdade da Deputación; María Anxos Romeo, profesora de secundaria do IES Rafael Puga Ramón; e Paula Filgueiras, técnica de servizos sociais da Deputación; actuou como secretaria Carolina Buhigas. O xurado considera que o guión gañador "incide na violencia vicaria, ten moi boa estrutura e moita capacidade de integrar ao alumnado das distintas etapas".

"Considérase necesario o apoio institucional para alcanzar a igualdade real de oportunidades entre mulleres e homes na sociedade", explicou María Muíño, "xa que é unha responsabilidade da cidadanía traballar conxuntamente para lograla". "Por este motivo", engadiu, "dende a Deputación Provincial da Coruña quérese xerar reflexión e conciencia na mocidade, xa que son un vehículo de transmisión e motor do cambio e do futuro, ademais de fomentar a súa participación nunha actividade creativa de sensibilización a través da edición dun guión, dedicado a concienciar á poboación en xeral, sobre a violencia vicaria, violencia que se exerce sobre a muller co fin de causarlle o maior dano psicolóxico a través de terceiras persoas e que consegue o seu grao mais elevado de crueldade co homicidio ou asasinato destas persoas".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X