Estás en:Emprego Novas

María Muíño: “Con congresos como ‘A memoria diversa’ seguimos loitando contra os discursos de odio e construíndo un futuro de liberdade”

Na inauguración do simposio que se celebra hoxe e mañá no Pazo de Mariñán, organizado polo departamento de Igualdade da Deputación da Coruña, Muíño salientou a importancia da colaboración cos concellos para tecer redes que apoien a loita polos dereitos das persoas diversas sexualmente

María Muíño: “Con congresos como ‘A memoria diversa’ seguimos loitando contra os discursos de odio e construíndo un futuro de liberdade”

O Pazo de Mariñán acolleu hoxe a primeira xornada do II Congreso 'A memoria diversa', unha das actividades de 'Liberdade de ser e de sentir', a campaña que a área de Igualdade da Deputación da Coruña impulsa, co gallo do 28 de xuño, Día da diversidade sexual, para sensibilizar sobre a importancia da tolerancia e a igualdade das persoas, independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero. Mañá celebrarase a segunda das dúas xornadas do simposio.

O programa comezou co relatorio "A nosa memoria tamén é diversa", no que interviron a responsable provincial de Igualdade, María Muíño, e Marcos Gabriel López, comisario dun congreso que, en palabras de Muíño, "pon fronte a fronte o pasado co presente, mais tamén co futuro, e permítenos coñecer e partillar espazos con persoas que, coa súa experiencia e coa súa loita, marcaron o camiño do recoñecemento e da dignidade". "Persoas", engadiu, "que tamén nos foron abrindo os espazos do que estamos construíndo, do que aínda hai que facer, dos dereitos que hai que conseguir e dos que hai que consolidar".

"Desde a área de Igualdade da Deputación e con campañas como 'Liberdade de ser e de sentir' e congresos como o que celebramos hoxe e mañá en Mariñán", afirmou Muíño, "seguimos construíndo ese futuro de liberdade, sempre escoitando, porque que importante é coñecer para recoñecernos e ter a mente e o corazón abertos para desaprender e aprender e para que se erga a bandeira dos dereitos todos os días do ano e vencer por fin os discursos e odio".

Muíño salientou a colaboración que o seu departamento mantén cos concellos para coordinar a programación do congreso. "Desde hai xa anos", explicou, "vimos traballando man a man tanto cos concellos como cos colectivos porque só desde a participación e a coordinación podemos avanzar; tecer redes para avanzar sen esquecernos dos que nos precederon e que tanto pelexaron pola tolerancia e a igualdade".

A deputada tamén se referiu a importancia doutra das actividades da campaña 'Liberdade de ser e de sentir': a proxección de "Noite irisada", o documental de Bea G. Campaña, único sobre esta temática realizado na historia do audiovisual galego, que recolle as testemuñas das protagonistas polos dereitos das persoas diversas sexualmente. A película conta a historia dunha loita non exenta de represión, coa data de referencia do 28 de xuño de 1981, cando se celebrou en Vigo a primeira manifestación do Día do Orgullo organizada polos colectivos activistas de gays e lesbianas de Galicia. O filme chegará ao alumnado de catro centros de ensino e terá outras oito proxeccións abertas ao público en xeral: en Narón, o 24 de maio (ás 12.30 horas no IES As Telleiras); Culleredo, o 27 de maio (11.30, na Universidade Laboral); Betanzos, o 10 de xuño (Cine Alfonsetti, hora por confirmar); Noia, o 21 de xuño (10.30, IES Campo de San Alberto); Carballo, o 11 de xuño (20.00, Pazo da Cultura); Arteixo, o 21 de xuño (17.00, Auditorio do Centro Tecnolóxico); Teo, o 25 de xuño (19.30, Biblioteca dos Tilos); A Pobra, o 26 de xuño (20.30, Teatro Elma); Fene, o 29 de xuño (19.00, Casa da Cultura); Oleiros, o 30 de xuño (20.30, Auditorio da Fábrica); Ribeira, o 2 de xullo (20.00, Salón de Actos do Conservatorio Municipal); e Rianxo, o 3 de xullo (22.00, no Auditorio Municipal).

Programa sábado 11
10.30. Presentación do libro "Memoria diversa", de Eva Mejuto, a quen acompañará a deputada María Muíño.
11.00. "Do que non se fala, non existe", con Nanina Santos Castroviejo, cofundadora da Asociación Galega da Muller (AGM) e integrante da revista 'Andaina'.
11.30. "E ademais, maricón", co escritor Lois Diéguez. Presenta e modera a escritora Eva Mejuto.
12.15. "Maiores LGBT: A xeración silenciada", con Federico Armenteros, presidente da Fundación 26 diciembre, e Trinidad Falcés, activista LGBT, Premio Elisa e Marcela. Presenta e modera, Fito Ferreiro, da Asociación Palestra.
16.30. "Os inicios do movemento LGBT galego", con Quique Costas, membro do Colectivo Gai de Compostela; Magolla Sande, promotora do Colectivo de Feministas Independentes de Santiago; Vicente Montoto, membro do Colectivo Gai de Compostela; e Xabier Maañón, membro do Colectivo Gai de Vigo. Presenta e modera: Bárbara Vilariño, de Les Coruña.
18.15. "Os anos da SIDA", con Nacho Iglesias, traballador social e membro do Comité Galego Antisida de Santiago. Presenta e modera: Xandre Garrido, da Asociación Avante LGBT+.
19.15. Concerto 'Transpirando', de O Rabelo.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X