Estás en:Emprego Novas

A Deputación entrega o XIII Premio Rosalía de Castro de Lingua 2022 este venres en Padrón

O acto, que se celebrará ás 20 horas na Casa Museo de Rosalía de Castro, estará encabezado pola deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, e polo presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira

Maria Canosa, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e e o proxecto Brazolinda son as galardoadas nesta edición

A Deputación entrega o XIII Premio Rosalía de Castro de Lingua 2022 este venres en Padrón

A Casa Museo Rosalía de Castro, en Padrón, acolle o 8 de xullo, ás 20 horas, a entrega do XIII Premio Rosalía de Castro de Lingua 2022, convocado polo departamento de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña. A escritora Maria Canosa, na categoría de persoas; a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), na categoría de entidades; e o proxecto Brazolinda, para iniciativas de dinamización para a poboación de menor idade, son as tres gañadoras desta edición.

O acto de entrega estará encabezado por María Muíño, deputada provincial de políticas de igualdade e normalización lingüística, e por Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, e contará coa música de Adhara & Ritman, que mesturan o folk galego con outros estilos puros de raíz, coma o blues, o reggae, ou swing, o mesmo en letras propias que en adaptacións da lírica popular do país.

Convén lembrar que á hora de outorgarlle o galardón a María Canosa, o xurado valorou o "seu compromiso firme coa lingua galega e longa traxectoria, que se reflicte nos premios recibidos e no recoñecemento e impacto social en múltiples ámbitos: escritora, divulgadora etc.". Da AELG salientou "a súa longa traxectoria, con máis de corenta anos, de compromiso co sector literario galego nos seus diferentes xéneros (poesía, teatro, narrativa, ensaio, escrita científica, traducións... ), fomentando o uso e a defensa pública da lingua". E do proxecto Brazolinda, "non só ter como persoas destinatarias a infancia e o impulso das relacións interxeracionais en lingua galega, senón o fomento da normalización lingüística nos xogos de mesa, un espazo no que o galego non ten moita presenza ata o momento".

O xurado nesta edición estivo conformado por María Muíño, deputada de políticas de igualdade e normalización lingüística da Deputación; Alexandre Marín, técnico de normalización lingüística do Concello de Culleredo; e os representantes de dous dos gañadores do certame en 2021, Carmen Denébola Álvarez, presidenta da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, e Carlos García, de Twitter en galego. Como secretaria actuou Dores Sánchez, técnica de normalización lingüística da institución provincial.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X