Estás en:Emprego Novas

A Deputación promove tres xornadas de xogos florais en Betanzos a finais de agosto no marco do ‘Ano Faraldo’

A área provincial de Normalización Lingüística promove unha serie de actividades, presenciais e nas redes, co obxecto de poñer en valor a obra e a traxectoria de Antolín Faraldo no ano do bicentenario do seu nacemento

Antolín Faraldo foi cualificado por Manuel Murguía como «el primero y el mejor», sendo a voz de toda unha xeración e a alma da revolución de 1846, así como unha figura case mítica no imaxinario galego e que hoxe aínda segue a ser un gran descoñecido

Un concurso xornalístico e un slam poético centrarán as actividades en Betanzos, nunha programación que tamén inclúe a difusión de pequenos audiovisuais e a divulgación da obra 'Querida liberdade'

A Deputación promove tres xornadas de xogos florais en Betanzos a finais de agosto no marco do ‘Ano Faraldo’

A piques de cumprirse os 200 anos do nacemento de Antolín Faraldo –o 2 de setembro de 1822-, a área de Normalización Lingüística promove unha serie de actividades para poñer en valor a obra e traxectoria do escritor e xornalista nado en Betanzos. Será precisamente en Betanzos onde se desenvolverá o grosso das actividades presenciais do denominado 'Ano Faraldo' impulsado pola Deputación, que contará cun programa destinado a dar a coñecer a súa impronta no contexto histórico e político no que participou, nomeadamente na revolución galega de 1846 -que concluíu co fusilamento de Solís e de once dos seus oficiais, hoxe coñecidos como os mártires de Carral-. Tamén a súa traxectoria xornalística e as temáticas que tratou nos seus artigos terán un papel representativo na programación.

Así,os días 26, 27 e 28 de agosto diversos espazos culturais de Betanzos acollerán os xogos florais dedicados a Antolín Faraldo que, ademais de actuacións literario-musicais para todo tipo de públicos, terán un enfoque participativo a través dun slam poético para menores de 35 anos e un concurso xornalístico. Esta programación na cidade do Mandeo desenvólvese en colaboración con artistas, creadores e creadoras locais como Pesquedellas, Factoría Nini e Death or Glory Collective.

A maiores dos xogos florais, desde á área provincial de Normalización Lingüística, que xestiona a deputada María Muíño, tamén se está a traballar na elaboración de pequenos audiovisuais que abordarán e revisitarán temáticas que o propio Faraldo tratou nos seus artigos xornalísticos e que continúan de actualidade: a liberdade de opinión e de imprenta, o suicidio, o feminismo, a mellora das comunicacións internas na Galiza, e a organización territorial do Estado.

Convén lembrar, que xa desde comezos de ano se están a levar a cabo por toda a provincia presentacións do libro 'Querida liberdade. Vida e obra dun precursor do rexurdimento' da autoría de Xurxo Martínez e editado por Alvarellos co apoio da Deputación da Coruña. O volume aborda, por vez primeira dun xeito integral, a vida e a obra de quen Manuel Murguía definiu como «el primero y el mejor», Antolín Faraldo, a voz de toda unha xeración, a alma da revolución de 1846, unha figura case mítica no imaxinario galego e que hoxe aínda segue a ser un gran descoñecido.

'Querida Liberdade' contén, por unha banda, un amplo estudo introdutorio, a cargo de Xurxo Martínez González, que nos mergulla de maneira trepidante nunha época tan apaixonada: con ritmo, estruturado en breves epígrafes e cunha clara vontade didáctica e divulgativa. Tras el, unha completa antoloxía con 45 artigos de Antolín Faraldo.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X