Estás en:Emprego Novas

Ana Lamas cualifica o Rallye de Ferrol como “unha das probas referencia no mundo do motor”

Hoxe presentouse no Concello de Ferrol a 53 edición da proba, que terá lugar o venres 19 e o sábado 20 de agosto e pasará por Ferrol, Irixoa, Monfero, San Sadurniño e As Somozas

A deputada recomendou "a toda aquela persoa que nunca o vivise que se achegue para desfrutalo en persoa xa que é unha experiencia moi recomendable que todas e todos deberíamos vivir polo menos unha vez"

Ana Lamas cualifica o Rallye de Ferrol como “unha das probas referencia no mundo do motor”

A deputada ferrolá Ana Lamas participou hoxe na presentación da 53 edición do Rallye de Ferrol, unha proba coa que colabora tradicionalmente a Deputación  e que cualificou como "referencia no mundo do motor, tanto no circuíto galego como español".

No acto de presentación, celebrado no Concello de Ferrol, estivo acompañada do representante da Escudería Ferrol organizadora do Rally de Ferrol, Germán Castrillón; o alcalde en funcións do Concello de Ferrol, Antonio Golpe Díaz; o vicepresidente segundo da Xunta de Galicia, Diego Calvo Pouso; o tesoureiro da Federación Española de Automovilismo, Juan Esteve; o último gañador do Rallye de Ferrol, Iván Ares; e o piloto do equipo Suzuki Motor Sport, Javier Pardo.

Germán Castrillón foi o encargado de explicar a parte técnica do Rally de Ferrol, que terá lugar o venres 19 e o sábado 20 de agosto. O venres sairá da Avenida de Esteiro, en Ferrol, e fará o tramo Irixoa – Monfero e Monfero-Monfero e o sábado, tamén con saída desde a Avenida de Esteiro, será a quenda dos tramos de San Sadurniño – As Somozas e As Somozas – As Somozas.

Ana Lamas explicou que "para a Deputación da Coruña é unha honra poder colaborar un ano máis na celebración deste evento" e "como ferrolá", recomendou a toda aquela persoa que nunca o vivira que se achegue para desfrutalo en persoa xa que é unha experiencia moi recomendable que todas e todos deberíamos vivir polo menos unha vez".

Salientou que "desde a Deputación apostamos firmemente pola práctica deste deporte, que na nosa terra goza dunha gran tradición e no que milleiros de afeccionados se desprazan cada fin de semana para ver algunha das diferentes probas que se disputan ao longo da nosa xeografía" e destacou "o labor da Escudaría Automobilística Ferrol, a súa dedicación e o seu gran traballo á hora de organizar este evento".

Germán Castrillón comentou que "o noso compromiso é traballar e ir mellorando cada ano as edicións do Rally". "Queremos avanzar na nosa candidatura para formar parte do FIA European Rally Trophie", afirmou. Mentres, Iván Ares animou á organización a "seguir loitando para que o rallye saía perfecto e continúe no máis alto do campionato, que é onde se merece" e Javier Pardo contou que "é a miña proba favorita xunto a da miña casa en Ourense". Pola súa parte, Juan Esteve enxalzou "el trabajo que desarrolla la escudería Ferrol para ir mejorando cada año".

"Levar 53 anos celebrando un rallye non é unha cousa sinxela", subliñou Diego Calvo, que lembrou que " nesta comarca temos unha especial afección polo mundo do motor". E, por último, Antonio Golpe afirmou que "o rallye foi gañando relevancia nas últimas décadas e actualmente está a un nivel altísimo, entre o máis destacado do panorama automobilístico galego e tamén nacional.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X