Estás en:Emprego Novas

Vega Menéndez e Laura Mayo gañan o XIII Concurso de Viñetas da Deputación da Coruña

Na categoría para escolares de 12 a 14 anos, o segundo premio foi para Inés Grau e o terceiro, para Ainara Soto

Vega Menéndez e Laura Mayo gañan o XIII Concurso de Viñetas da Deputación da Coruña

O XIII Concurso de Viñetas para alumnado de secundaria convocado pola área de Igualdade da Deputación da Coruña xa ten gañadores. Na categoría A (de 12 a 14 anos) a vencedora foi Vega Menéndez, de 13 anos, residente en Culleredo; o segundo premio recaeu en Inés Grau, tamén de 13 anos, residente na Coruña; e o terceiro, en Ainara Soto, de 12 anos, residente na Coruña. Na categoría B (de 15 a 18 anos), o
o xurado concedeu un único galardón, a Laura Mayo, de 17 anos, residente en Valladolid.

O xurado, presidido pola responsable provincial de Igualdade, María Muíño, estivo tamén formado polas vogais Eva Ovenza, técnica de Igualdade da Deputación; María Maquieira, licenciada en Historia da Arte en Santiago de Compostela e na facultade de Letras e Filosofía de Perugia; e Xulia Pisón, titulada superior de Ilustración na EASD Pablo Picasso da Coruña; actuou como secretaria Carolina Buhigas, xefa de sección da área provincial de Servizos Sociais.

Da obra gañadora na categoría A, Vega Menéndez, o xurado salientou "a orixinalidade das cores e da gráfica en relación a idade da autora, así como que a temática reflicte a invisibilidade das mulleres facendo referencias concretas". O traballo de Inés Grau presenta, segundo o xurado, "claridade da narrativa gráfica, feita de xeito tradicional, ao tempo que dá resposta ao que facer cunha mensaxe final máis reivindicativa dos dereitos das mulleres". "A proposta de Ainara Soto", explica o xurado, "é diferente e atractiva, mostra equilibrio e destaca polo grao de recursos gráficos e narrativos; a composición reflicte coñecemento do mundo do cómic e a realidade das mulleres nas súas carreiras científicas". Da obra vencedora na categoría B, de Laura Mayo, o xurado di: "Posúe unha narrativa fantástica, dentro da sinxeleza que presenta". Tamén destaca "o uso da cor e os diferentes ambientes en diferentes espazos: é unha historia profunda que conecta diferentes épocas, cuxa parte temática incide na busca de referentes".

Nesta edición, o Concurso de Viñetas da Deputación tivo como tema central o 'efecto Matilda'; co obxecto do certame nesta edición é promover a reflexión, concienciar, dar visibilidade e mudar mentalidades en relación ao efecto Matilda, termo empregado por primeira vez pola sufraxista e abolicionista Matilda Joslyn Gage para describir o prexuízo en contra de recoñecer os logros das mulleres científicas, cuxo traballo a miúdo se atribúe a colegas masculinos. O concurso de viñetas é unha das iniciativas que a área de Igualdade provincial ten en marcha para concienciar sobre as desigualdades que afectan á muller actual na sociedade galega. Súmase a campañas máis específicas, como a do 8M 'Mobilizadxs xti', centrada en difundir a realidade da muller actual, baseándose nas cifras desfavorables en cuestións como a fenda salarial, na precarización laboral ou no ámbito da conciliación e dos coidados.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X