Estás en:Emprego Novas

A Deputación da Coruña inaugura a maior Vía Verde de Galicia e compromete a súa extensión ata Santiago de Compostela

O presidente da Deputación participou hoxe no acto de inauguración do tramo Cerceda-Oroso da Vía Verde de Compostela-Tambre-Lengüelle, "un día histórico" que se completou cunha andaina e marcha cicloturista popular na que participaron máis de 600 persoas

Formoso destacou "a colaboración entre administracións" e apuntou que "xa estamos mans á obra para rematar o proxecto e unir estes municipios con Santiago de Compostela"

A Deputación da Coruña inaugura a maior Vía Verde de Galicia e compromete a súa extensión ata Santiago de Compostela

A Deputación da Coruña inaugurou hoxe o tramo de Cerceda-Oroso da Vía Verde de Compostela-Tambre-Lengüelle, a primeira Vía Verde da provincia e a de maior lonxitude de Galicia, que se estenderá proximamente ata Santiago de Compostela.

No acto, que se completou cunha andaina e marcha cicloturista popular para dar a coñecer esta nova infraestrutura que discorre sobre o antigo trazado do ferrocarril entre Santiago e Cerceda, estivo acompañado polo delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez; o alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro Liñares; o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo; o alcalde de Oroso, Luis Rey; a concelleira de Medio Ambiente do Concello de Santiago, Mila Castro, un dos impulsores do proxecto, Manuel Mirás; e os deputados Antonio Leira, Cristina Capelán e Xurxo Couto.

"Hoxe é un día histórico, non só para os concellos de Cerceda, Tordoia, Ordes e Oroso senón para toda a provincia e tamén para Galicia", afirmou Formoso, que explicou que este proxecto "naceu hai 14 anos, pero quedou aparcado nun caixón e non se retomou ata o ano 2017, coa nosa chegada ao goberno provincial".

Formoso apuntou que "xa estamos mans á obra para rematar o proxecto inicialmente planificado e, tal e como nos comprometemos, completar os 10 quilómetros que faltan para unir estes municipios coa capital de Galicia, Santiago de Compostela". "Non puidemos facelo agora debido aos condicionantes dos fondos europeos, dos que só poden ser beneficiarios os concellos de menos de 20.000 habitantes, pero está en marcha", aclarou.

"Contamos coa total predisposición do Concello de Santiago e na Deputación temos reservado medio millón de euros para este fin. Ademais, temos o visto e prace da Fundación de Ferrocarriles Españoles e de Vías Verdes, que xa aprobou o proxecto", detallou.

Este último tramo da Vía Verde de Compostela-Tambre-Lengüelle terá 12 quilómetros de lonxitude e permitirá completar un itinerario de máis de 36 quilómetros de sendas ciclables sobre as antigas vías do ferrocarril.

A importancia da colaboración entre administracións

O presidente provincial expresou que "este é un dos proxectos dos que estou máis orgulloso" xa que "por unha banda é un exemplo da importancia da colaboración entre administracións, coa participación activa dos concellos implicados e o importante apoio económico recibido por parte do Goberno de España, e, pola outra, supón dar forma á nosa firme aposta por fomentar un modelo de mobilidade sostible na provincia". Un modelo que se completa con proxectos como a Rede Ciclista Metropolitana da Coruña ou o proxecto das sendas dos faros.

"Non teño ningunha dúbida de que milleiros de persoas, a pé ou en bicicleta, en familia, cos amigos ou en solitario, percorrerán esta ruta ano tras ano, con todo o que isto supón para os veciños e veciñas destes municipios, deixando unha importante repercusión turística e socioeconómica nos concellos da Vía Verde", subliñou.

Formoso lembrou tamén o importante papel desenvolvido por Manuel Mirás, un dos impulsores do proxecto, para que hoxe sexa unha realidade.

Máis de 600 persoas participaron na andaina e marcha cicloturista

A pesar da chuvia, máis de 600 persoas de todas as idades que participaron, de xeito totalmente gratuíto, na andaina e marcha cicloturista popular organizada para inaugurar o tramo que vai de Cerceda a Oroso da Vía Verde.

A andaina saíu da estación de Queixas-Londoño, en Cerceda, e finalizou na estación de Sigüeiro, en Oroso, cun percorrido total de 24 quilómetros e pasando pola estación A Pontraga de Ordes e a Estación de Trasmonte en Oroso.

As persoas participantes contaron con avituallamentos durante todo o traxecto e habilitouse un servizo de bus desde os diferentes municipios da Vía, tanto para recoller as persoas que non finalizaron a andaina como para levalas ao punto de saída e recollelas na chegada para levalas ao seu lugar de orixe.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X