Estás en:Emprego Novas

Carral acolle a primeira presentación da reedición de “A revolución galega de 1846”, de Francisco Tettamancy

Será o sábado 17 de setembro ás 19h no Local Xente Nova de Tabeiao e contará coa presenza da súa bisneta, Rosario Varela, quen xa participou na homenaxe que a Deputación da Coruña fixo na sede provincial a comezos deste 2022

A tradución e reedición desta obra é unha das iniciativas que o departamento provincial de Normalización Lingüística programou para poñer en valor a figura e a obra do intelectual coruñés

Carral acolle a primeira presentación da reedición de “A revolución galega de 1846”, de Francisco Tettamancy

A tradución ao galego e reedición de "A revolución galega de 1846", cumio da produción bibliográfica de Francisco Tettamancy Gastón, presentarase publicamente o sábado 17 de setembro, ás 19h, no Local Xente Nova de Tabeaio, no Concello de Carral. Convén lembrar que a tradución e reedición desta obra é unha das iniciativas que o departamento provincial de Normalización Lingüística programou ao longo deste ano para poñer en valor a figura e a obra do intelectual coruñés.

Precisamente esta obra dá conta dunha época convulsa na historia da Galiza –e tamén de España- e duns acontecementos que marcarían para sempre a historia de Carral. Uns feitos que comezan o 2 de abril de 1846 co alzamento do coronel Miguel Solís en Lugo contra o Goberno do xeneral Narváez e rematan o 26 dese mesmo mes, tras unha dura represión, co seu fusilamento e o dos outros doce oficiais que encabezaron a revolución, e que pasarían á historia como "os mártires de Carral".

A presentación de Carral, que será a primeira pola relación histórica deste Concello cos feitos narrados no libro, estará encabezada pola deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, e contará coa presenza de Rosario Varela, bisneta do propio Tettamancy, quen xa participara na homenaxe que a Deputación da Coruña fixo na sede provincial a comezos deste 2022. Tras a presentación do libro, representarase a peza teatral 'Abril de Lume e Ferro', a cargo da entidade cultural Abril do mesmo nome.

As iniciativas para poñer en valor a traxectoria e figura de Francisco Tettamancy (A Coruña 1854-1921) prodúcese logo do 175 aniversario da revolta galeguista de 1846, un dos fitos históricos sobre os que escribiu o intelectual coruñés. Tettamancy foi tamén membro fundador da Real Academia Galega, traballador da Deputación da Coruña e membro correspondente da Real Academia das Belas Artes de San Fernando. Ademais dos seus traballos sobre a revolución galega de 1846, participou na xuntanza constituínte das Irmandades da Fala, e no seu legado cóntase obra poética e numerosos estudos históricos sobre druidismo, celtismo e diversos elementos patrimoniais como a Torre de Hércules ou as Torres de Altamira de Brión.

A tradución, que inclúe un prólogo de Xosé Ramón Ermida Meilán, permite un achegamento á que se considera a obra de referencia sobre o abril galego. Un texto cuxas pegadas están presentes na totalidade das investigacións posteriores e que conta cun amplo apéndice documental.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X