A Deputación o Concello de Ortigueira completan a reforma da Biblioteca Juan Fernández Latorre e as obras de mellora do entorno de Espasante
Valentín González Formoso realizou hoxe unha visita a Ortigueira, onde a Deputación leva investido máis de 13 millóns de euros
Formoso aproveitou a visita a Espasante para solicitarlle á Xunta que mellore a estrada de acceso ao porto ou a cesión ao Concello: "Os veciños de Ortigueira teñen os mesmos dereitos que os de Sanxenxo", afirmou
O alcalde, Juan Penabad, agradece o apoio da Deputación "para sacar a Ortigueira da grave situación económica na que a atopamos"
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou hoxe unha visita ao Concello de Ortigueira. Acompañado do alcalde, Juan Penabad, e do concelleiro Juan Manuel Cao, supervisou diversas obras financiadas no municipio con fondos provinciais.
Formoso destacou que durante a súa presidencia, a Deputación leva investido en Ortigueira máis de 13 millóns de euros, "dos que 7,8 millóns corresponden ao Plan único, cos que se realizaron un total de 43 obras que melloran a calidade de vida no municipio, sempre seguindo as instrucións do goberno local", remarcou.
O presidente provincial achegouse a comprobar o resultado das tres últimas obras rematadas no municipio, que se financiaron a través do Plan único (POS+) cun investimento superior ao medio millón de euros: as melloras da biblioteca Juan Fernández Latorre, o miradoiro de San Antonio, a praza do Pedregal e a iluminación do núcleo do Porto de Espasante.
"Estamos aquí para amosar aos veciños e veciñas de Ortigueira que a Deputación está con eles, non só de palabras, senón con feitos", explicou o presidente provincial, que eloxiou a Juan Penabad pola súa "dedicación completa para que estas obras sexan hoxe unha realidade".
"Convivimos con el e vemos, por exemplo, o que sufre para conseguir os permisos da Xunta de Galicia, que implica que non se poidan executar 14 aglomerados en pistas de todas as parroquias de Ortigueira porque falta o permiso de conservación da natureza da Consellería de Medio Ambiente", afirmou Formoso, que pediu que "igual que nós poñemos os cartos e os recursos, e eles non poñen practicamente nada; simplemente pedimos que nos dean o permiso para que esas 14 pistas poidan mellorar a calidade de vida das parroquias de Ortigueira".
"Igual que o vemos sufrir con Portos de Galicia, que ten esta vía a Espasante, un dos lugares máis bonitos de toda Galicia, moito peor tratado do que tratan, por exemplo, a Sanxenxo. Creo que os veciños e veciñas de Ortigueira teñen os mesmos dereitos que calquera veciño e veciña de Sanxenxo ou doutra vila de Galicia", engadiu o presidente, solicitándolle ao organismo dependente da Xunta que "lle cedan a estrada ao Concello, ou que a amañen".
Pola súa parte, Juan Penabad quixo "agradecer á Deputación e a Valentín como presidente todo o feito nestes anos desde que son alcalde, xa que grazas a isto conseguimos saír da situación económica na que nos atopábamos, que era moi grave".
"Grazas a todas as axudas que conseguimos fomos cancelando a débeda que tíñamos con entidades financeiras e con provedores, e ademais seguimos atendendo as necesidades da veciñanza, sen deixar nunca de prestar os servizos que se merecen", salientou o rexedor.
Nova imaxe para a biblioteca Juan Fernández Latorre
No edificio modernista da biblioteca municipal Juan Fernández Latorre a Deputación investiu, polo momento, un total de 250.902,64 euros. As obras levadas a cabo permitiron renovar a cuberta e mellorar a impermeabilización, a carpintería, a canalización de pluviais e a estética do edificio.
Os traballos realizados permitiron que o espazo conte cunhas condicións óptimas para o seu uso. A principal intervención consistiu na impermeabilización da cuberta na zona da primeira planta e en parte da planta baixa, actuando nos faldróns e na parte superior dos muros mediante unha chapa metálica practicamente imperceptible que evita filtracións de humidade ao interior do edificio. Así mesmo, renováronse os elementos de evacuación de pluviais e suprimíronse unhas pequenas xanelas na cuberta do edificio, que non se usaban e causaban filtracións de auga. As obras incluíron a renovación completa da carpintería da primeira planta.
Ademais, o inmoble loce unha nova imaxe coa renovación da fachada principal e da gama de cor, así como grazas ao arranxo de pezas do pavimento na praza frontal que estaban rotas. Tamén se acondicionou a porta da entrada e os zócalos, que se substituíron por outros de granito. Por último, vernizáronse e renovouse a pintura dos chans e azulexáronse os aseos da planta baixa e nunha pequena zona dos da primeira. Estes espazos tamén se adaptaron para garantir unha mellor accesibilidade.
Formoso e Penabad, acompañados hoxe pola arquitecta responsable do proxecto, Amadora Roca, tiveron oportunidade de comparar as fotografías do mal estado anterior do inmoble co actual. Alcalde e presidente coincidiron en que se trata dun "cambio substancial na imaxe do edificio" e na necesidade de "seguir acometendo investimentos de conservación e mellora deste fermoso edificio modernista", un dos emblemas do municipio.
Proxectos en Espasante
A parroquia de Espasante tamén foi obxecto de intervencións con cargo aos fondos do Plan único. Por unha banda, a Deputación investiu 133.877,07 euros na reforma integral do miradoiro de Santo Antonio, unha obra que permitiu crear un espazo máis atractivo, acolledor, cómodo, seguro e accesible para os usuarios e usuarias deste.
Os traballos permitiron reformar este miradoiro, que é un excelente punto de observación da praia de Santo Antonio así como un dos principais lugares de esparexemento da parroquia. A intervención incluíu a renovación de materiais de acabado, o aumento de zonas verdes, a mellora do pavimento, instalación de novos elementos de mobiliario urbano, a instalación dunha nova rede de iluminación e a colocación dunha varanda máis diáfana feita de aceiro inoxidable para contemplar a paisaxe sen obstáculos de por medio, rebaixando o nivel do chan na zona noroeste da praza para que o noiro funcione como protección anticaídas. Como colofón, instaláronse, como elemento decorativo, unhas letras que forman a palabra 'Espasante' e que contan con iluminación.
A Deputación e o Concello de Ortigueira investiron outros 137.546,68 euros na mellora da iluminación pública no núcleo do Porto de Espasante. A través deste proxecto renováronse un total de 195 luminarias, 2 cadros de mando e 3 armarios de cadros de mando nas rúas e vías principais do núcleo, no casco antigo e tamén no paseo marítimo.
Con esta actuación pretendíase mellorar a eficiencia enerxética da rede de iluminación do núcleo do Porto, conseguindo un maior aforro no consumo, mellorando a potencia luminosa e renovando as instalacións anteriores, que se atopaban en mal estado polo paso do tempo. Cos fondos da Deputación mellorouse tamén no contorno de Espasante a praza do Pedregal, "que os veciños queren que recupere esta denominación", creando un paseo para dirixirse ao miradoiro e dotándoa de máis seguridade e accesibilidade e unha estética mellorada.