Estás en:Emprego Novas

A Deputación abre a convocatoria do IX Premio Concepción Arenal a proxectos educativos pola igualdade de xénero

O prazo de presentación dos traballos remata o 28 de outubro

Dotado con 5.000 euros para cada un dos proxectos gañadores das tres categorías a concurso, poden concorrer todos os centros educativos públicos da provincia que impartan educación infantil, primaria ou secundaria

A Deputación abre a convocatoria do IX Premio Concepción Arenal a proxectos educativos pola igualdade de xénero

Ata o 28 de outubro estará aberto o prazo de presentación de traballos ao IX Premio Concepción Arenal para proxectos educativos pola igualdade de xénero, convocado pola Deputación da Coruña. Poderán participar centros educativos públicos da provincia que impartan educación infantil, primaria, ou as dúas, educación especial e educación secundaria.

O certame repartirá 15.000 euros, 5.000 por proxecto gañador, entre as tres categorías a concurso: proxectos educativos en educación infantil, proxectos educativos en educación primaria e proxectos educativos en educación secundaria.

Con esta convocatoria, a institución provincial quere deseñar e executar proxectos educativos que procuren o desenvolvemento de habilidades para a identificación e o rexeitamento de estereotipos sexistas que contribúen a xerar e manter a violencia de xénero, así como a construción de esquemas alternativos que axuden a comprender e respectar a igualdade de oportunidades reais entre sexos, así como a igualdade de trato e a non discriminación por razón de orientación sexual e identidades de xénero.

Na pasada edición, resultaron gañadores os proxectos "Xogando en igualdade", do CEIP Plurilingüe da Rabadeira, do Concello de Oleiros, na categoría de educación primaria, e "O faro da igualdade", do IES Punta Candieira, do Concello de Cedeira, na categoría de educación secundaria; o premio da categoría de educación infantil quedou deserto.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X