A Deputación da Coruña e os concellos de Brión, Muros, Oleiros e Rianxo participan na formación da rede europea ‘Construír Europa coas autoridades locais’ impulsada pola Comisión Europea
• EUROPE DIRECT A Coruña organiza unha xornada de presentación desta iniciativa europea xunto a outros 18 centros de España
• A rede busca a implicación dos representantes políticos electos na comunicación de información europea e na creación de debate sobre asuntos da UE no seu territorio
A Deputación da Coruña e catro concellos da provincia participaron esta mañá nunha xornada de presentación da rede europea 'Construír Europa coas autoridades locais' impulsada pola Comisión Europea co obxectivo de que cargos electos de administracións locais se impliquen na comunicación de información europea no seu territorio. EUROPE DIRECT A Coruña organizou a xornada xunto a outros 18 centros desta rede de información europea en España.
O deputado delegado de Economía, Facenda, Especial de Contas, Persoal e Réxime Interior, Antonio Leira, e representantes electos dos concellos de Brión, Muros, Oleiros e Rianxo asistiron ao encontro online no que o responsable de unidade da Dirección Xeral de Comunicación da Comisión Europea, Alessandro Giordani, foi o encargado de presentar os obxectivos da rede, como funciona e como unirse a ela. Na reunión, os representantes da provincia da Coruña compartiron rede con cargos políticos de Albacete, Almería, Aragón, Asturias, Canarias, Campo de Xibraltar, Castellón, Castela e León, Córdoba, San Sebastián, Estremadura, Granada, Huelva, Rexión de Murcia, Salamanca, Segovia, Sevilla e Tarragona.
A Comisión Europea puxo en marcha este ano a iniciativa 'Construír Europa coas autoridades locais' coa finalidade de fomentar a comunicación de asuntos da UE mediante o que denomina como "unha alianza sen precedentes entre as estruturas de goberno europea e locais" e contribuír deste xeito "á creación dunha esfera pública verdadeiramente europea".
Para información complementaria, pódese contactar a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, no número de teléfono 981 080 331.