Estás en:Emprego Novas

Santiago acolle o I Torneo Internacional de Balonmán Deputación da Coruña

Participarán 20 equipos e 450 deportistas de categoría infantil, cadete e xuvenil

A Deputación financia esta cita, coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela e o Centro Superior de Hostalería de Galicia

Santiago acolle o I Torneo Internacional de Balonmán Deputación da Coruña

O Concello de Santiago acollerá do 9 ao 11 de decembro o I Torneo Internacional de Balonmán Deputación da Coruña, no que participarán 20 equipos e máis de 450 deportistas de categoría infantil, cadete e xuvenil (masculina e feminina).

A cita celébrase grazas á financiación da Deputación da Coruña, coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela e o Centro Superior de Hostalería de Galicia, no que se aloxarán os combinados galegos entre o 7 e o 11 de decembro.

No aspecto deportivo, o principal obxectivo desta competición é servir como preparación das seleccións galegas de cara ao Campionato de España de Seleccións Territoriais, que se celebrará do 3 ao 8 de xaneiro de 2023 en Benidorm.

Hoxe tivo lugar o acto de presentación do evento no Concello de Santiago de Compostela, onde asistiu a deputada provincial de Deportes, Cristina Capelán; a concelleira de Deportes de Santiago, Esther Pedrosa; e o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López.

"Organizamos xunto co Concello de Santiago e o Centro Superior de Hostalería de Galicia este campionato que, ademais de servir como preparación para o Campionato de España de Seleccións Terriroriais, pretende promover o balonmán entre a mocidade" recalcou Capelán. A deputada destacou a importancia de apoiar este tipo de competicións para "fomentar a afección ao deporte entre a xuventude e promover, tamén, hábitos de vida saudables".

Os combinados do Principado de Asturias e da rexión de Oporto, xunto con catro equipos galegos da categoría sénior (BM Reconquista, BM Brigantium, Calmear Rasoeiro e BM Culleredo), serán os encargados de poñer a proba o nivel das diferentes seleccións galegas neste último tramo da súa preparación antes do CESA 2023.

Os partidos celebraranse nos pavillóns do Restollal e Fontiñas e o domingo a partir das 14:30 horas entregaranse os trofeos no pavillón do Restollal.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X