Estás en:Emprego Novas

Normalización Lingüística lembra a figura de Urbano Lugrís este sábado na cidade herculina

Un percorrido pola Coruña de Lugrís centrará os actos que terán lugar na tarde do 17 de decembro, e que están organizados pola Deputación da Coruña en colaboración co colectivo artístico literario IN Nave Cívitas e a asociación o Mural

Normalización Lingüística lembra a figura de Urbano Lugrís este sábado na cidade herculina

A área provincial de Normalización Lingüística, que xestiona a deputada María Muíño, homenaxea a figura do pintor Urbano Lugrís González este sábado, 17 de decembro, na cidade herculina. As actividades, que terán lugar pola tarde, están organizadas pola Deputación da Coruña en colaboración co colectivo artístico literario IN Nave Cívitas e a asociación o Mural.

As actividades comezarán no Obelisco da Coruña ás 18:00 horas, punto de encontro onde In Nave Cívitas e O mural impartirán un obradoiro de pintado de paraugas. A partir das 19:30 comezará un percorrido por diferentes lugares da cidade vinculados coa figura do pintor: Olmos 25, Estrela- Mantelaría, Santo André, Santa Catalina-Travesa Lois Pereiro- Orzán – Sellier e Rúa Nova. En cada un destes espazos leranse textos e representaranse escenas da vida e da obra do autor.

A deputada de Normalización Lingüística, María Muíño asegura que a filosofía destas actividades é a de "poñer en valor o traballo que colectivos como IN Nave Cívitas e O Mural levan facendo ao longo dos anos para valorizar a figura do pintor e da súa obra e tamén na recuperación e reivindicación de protección e arranxo de varios do murais que o pintor realizou en diferentes locais"

Fillo de Manuel Lugrís Freire- un dos fundadores da Real Academia Galega da que foi presidente e autor da Gramática do idioma Galego- e da pianista Purificación González Varela, Urbano Lugrís nace na cidade da Coruña no ano 1908 e foi apadriñado por Francisco Tettamancy Gastón.

Na súa contorna familiar aprenderá a amar a música, a gozar da lectura, a dominar a arte do debuxo, e a convivir con personaxes da cultura galega que influirán de forma importante na súa formación.

Bohemio de vocación, mantivo unha intensa vida cultural no Madrid republicano a carón de figuras relevantes da época como Lorca, Alberti ou Rafael Dieste, participando nas Misións Pedagóxicas como escenógrafo e guiñolista, e na publicación de revistas como Brétemas.

Funda a revista Atlántica na Coruña con Mariano Tudela e José María de Labra. Deseñou as cubertas da publicación que mudaba de cor en cada un dos números e xunto con Álvaro Cebreiro as viñetas lineais do interior.

Dominou todas as técnicas: óleo, serigrafías, colaxe, muralista, tinta chinesa sobre papel... Tematicamente a súa obra está chea de referencias ao mundo céltico e as profundidades mariñas cunha composición escenográfica case constante.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X