O IV Premio Luísa Villalta galardoa dez proxectos musicais, audiovisuais, teatrais e de divulgación feminista da memoria local
As propostas seleccionadas polo xurado, presidido pola deputada de Igualdade, María Muíño, recibirán achegas de entre 3.700 e 12.500 euros
O IV Premio Luísa Villata a proxectos pola igualdade, convocado pola Deputación da Coruña a través das áreas de Cultura e Igualdade, xa ten gañadoras. As propostas seleccionadas polo xurado, que recibirán achegas de entre 3.700 e 12.500 euros, van desde a divulgación feminista de memoria local á instalación de murais interactivos con información sobre referentes na música galega ou a montaxe de pezas de teatro comunitario para dar visibilidade e poñer en valor o traballo das mulleres no ámbito rural, pasado por charlas divulgativas, de natureza didáctico-musical e carácter interactivo.
Presidido pola deputada provincial de Igualdade e Normalización Lingüística, María Muíño, o xurado estivo formado por Raquel González Ferrón, licenciada en Pedagoxía pola USC; Eva Mejuto Rial, doutora en Xornalismo pola USC, e Eva Ovenza Pereira, técnica de Igualdade da Deputación. Actuou como secretaria Mercedes Fernández-Albalat Ruiz, xefa do Servizo de Acción Social, Cultura e Deportes.
Proxectos seleccionados
Donas da súa vida, de Nuria Prieto González. Proxecto de divulgación feminista de memoria local cunha vocación lúdica e pedagóxica orientada a calquera institución ou particular que traballe con idades temperás. Para os centros de educación primaria propón unha ruta acompañada dun caderno de apoio no que, a través de diversas actividades a xeito de adiviñas se traballaban puntos clave da ruta.
Que din as rumorosas, de María Helga Méndez García. Proxecto colectivo con fases de investigación, elaboración e improvisación para montar unha comedia coral sobre como ser artista e muller. Trátase dunha obra de creación colectiva na que cinco actrices e unha bailarina sobreviven titanicamente ao día a día de ser artista e muller.
María Barbeito: innovación e resistencia, de Artefeito Producións, S.Coop.Galega. Proxecto teatral iniciado en setembro de 2022 que consiste na representación en institutos desa peza teatral na que se basea e dunha guía didáctica. A proposta pula pola sensibilización, concienciación e intervención para corrixir as situacións sociais de desigualdade e discriminación que sofren as mulleres a través do traballo en torno ás achegas de María Barbeito.
Unha música no insti, de Laura Romero Pereira. Proposta de murais interactivos con información sobre referentes na música galega. É un proxecto artístico presencial e virtual pensado para xente moza que consiste na creación de diferentes murais de pequeno tamaño espallados en diferentes IES e CPIs da provincia da Coruña, co obxectivo de familiarizar ás novas xeracións coas mulleres referentes da nosa música.
As voces das mulleres, de Aantena SC. Proxecto teatral comunitario, realizado nos concellos de Coristanco, Malpica e Ponteceso. Pon en valor o traballo e a contribución das mulleres, especialmente do rural, a súa visibilización social, o seu empoderamento como motor económico e social. Preséntase claramente en prol da superación das desigualdades de xénero e as posibilidades de cambio social relativo a crenzas, estereotipos, roles, etc.
Proxecto Villamiseria, de María Victoria Teijeiro Álvarez. Proposta de investigación escénica e escritura do texto dramático "Villamiseria", trátase dunha reflexión en torno á violencia exercida sobre as mulleres durante o franquismo.
En clave de muller, de Gemma María Pardo Faraldo. Formato de charlas divulgativas, de natureza didáctico-musical e carácter interactivo.
Cara ao exilio. Gloria Rodríguez, de La Nuestra, Comunicación Publicitaria, S.L. Proxecto de elaboración dun documental, unha unidade didáctica, unha xornada e a estrea a través do que facer unha homenaxe a todas as mulleres que, obrigadas a fuxir de España polo golpe de estado e a represión franquista, foron quen de iniciar unha nova vida no exilio en México.
Proxecto teatral "Flores de ferro 2.0", de Melandrainas Creativa Sooc Coop galega. Proposta de teatro amateur e inclusivo sobre a memoria histórica do desenvolvemento das mulleres da arte dun xeito inclusivo, cooperativo e interxeracional.
A Nai, de Carmen García Facorro. Espectáculo teatral multidisciplinar que emprega ferramentas do teatro documental e da autoficción. Explora as fazañas das irmás Lola, Julia e Amparo Touza, salvadoras de arredor de 500 persoas durante o Holocausto, ao tempo que fala da posibilidade de sermos mellores persoas en tempos de degradación moral.