Estás en:Emprego Novas

Braga como destino para afondar na historia da lingua e do Reino de Galicia

A Deputación da Coruña e a Rede da GaliLusofonia promoven en Braga unha xornada de aprendizaxe e convivencia ao redor da historia da lingua galega e do Reino de Galiza

  • Palestras, visitas guiadas e un concerto marcan o programa do foro de coñecemento que desenvolve a área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña
Braga como destino para afondar na historia da lingua e do Reino de Galicia

Este sábado continúan as actividades do foro de coñecemento 'A Lingua e o Reino, entre Compostela e Braga' coa visita á cidade portuguesa de Braga, onde se levará a cabo unha xornada con palestras, visitas guiadas e un concerto para promover o coñecemento e socialización do pasado común.

A Casa do Conhecimento da Universidade do Minho acollerá esta xornada, que terá comezo ás 9.30h e contará con palestras de Alicia Díaz Balado, Francisco Rodríguez e Luís Carlos Amaral. A xornada da tarde está deseñada para pasear a coñecer a cidade de man de Luís Fontes, visitando parte do patrimonio medieval de Braga, como a Capela dos Reis na Sé, São Martinho de Dume e São Frutuoso. Xoán Curiel e a arpista Bleuenn Le Friec poñen fin a este día de actividades cunha proposta musical, que parte de cantigas medievais galaico-portuguesas.

Todas as actividades son gratuítas até completar aforo, sendo necesaria a inscrición en https://i.gal/Braga

A lingua galego-portuguesa a debate
Até o mes de maio, a área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña continuará a espallar o noso pasado medieval con estas xornadas. A seguinte palestra do programa compostelán será o día 28 deste mes de febreiro, onde escoitaremos a Francisco Rodríguez falar sobre a lingua galego-portuguesa na Baixa Idade Media.

Programa
18 de febreiro. Casa do Conhecimento, Largo do Paço

  • 9.30h. Abertura da xornada
  • 10h. Palestra: Inês de Castro, a política e a lenda, con Alicia Díaz Balado, profesora da Universidade de Santiago de Compostela e escritora.
  • 10.45h. Palestra: Estratexias para a restauración da unidade galego-portuguesa na Baixa Idade Media, con Francisco Rodríguez Sánchez, estudoso e investigador da realidade galega: historia, crítica literaria e sociolingüística.
  • 11.30h. Café
  • 12h. Palestra: Os suevos e a construción do primeiro reino xermánico de Occidente, con Luís Carlos Amaral, profesor da Faculdade de Letras da Universidade do Porto, especializado en Historia Medieval de Portugal.
  • 14.45h. Visita guiada á Sé e á Capela dos Reis e São Martinho de Dume e São Frutuoso, con Luis Fontes, arqueólogo da Unidade de Arqueologia da Universidade do Minho.
  • 18h. Concerto de Xoán Curiel coa arpista Bleuenn Le Friec: "Treides comigo!". Proposta musical a partir de cantigas medievais galaico-portuguesas.
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X