Estás en:Emprego Novas

Conta atrás para a volta do Festival Rosalía ás rúas compostelás da man da Deputación

Super Rosalía volverá ás rúas os días 24 e 25 de febreiro polo seu 186 aniversario para celebrar a nosa lingua cunha extensa programación

A área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña celebra esta quinta edición do festival con música, teatro, monicreques, performances, poesía, faladoiros e un roteiro rosaliano

Este ano o festival ábrese a novos espazos e, desde a xa tradicional Praza do Pan (Praza de Cervantes) espallarase ao Colexio Maior de Santo Agostiño, o Centro Sociocultural Maruxa e Coralia e o Teatro Principal

Conta atrás para a volta do Festival Rosalía ás rúas compostelás da man da Deputación

A quinta edición do Festival Rosalía conmemora o 186 aniversario de nacemento da escritora Rosalía de Castro cunha extensa programación que se desenvolverá venres e sábado, 24 e 25 de febreiro, en Santiago de Compostela. A área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, que xestiona a deputada María Muíño, organiza unha nova edición do Festival que nesta ocasión celebra que "o galego é o noso superpoder".

Así, a Deputación da Coruña aposta este ano por levar a Rosalía e a nosa lingua a diferentes espazos da cidade. O punto central será a Praza do Pan (Praza de Cervantes), na que se instalará a feira de produtos con "marca Rosalía" e onde decorrerán boa parte das actividades como o teatro de monicreques "A Viaxe de Rosalía", unha proposta de Larraitz Urruzola que dá voz a Francisca do Campo, madriña de Rosalía, o espectáculo infantil "Chove muiduño" de Sole Felloza, e o concerto de banda de rock Adhara & Rhitman. A Praza do Pan tamén será o lugar de saída do paseo literario guiado por Mercedes Espiño, que percorrerá lugares vitais da vida de Rosalía, e do pasarrúas teatralizado dos Quinquilláns. As poetas Ánxela Lema, Lucía Aldao, Andrea Nunes e Diana Kurich farán "eco con voz propia" das creacións de Rosalía e María Xesús Lama, Carme Adán e María Reimóndez serán as convidadas ao faladoiro para abordar o feminismo na autora.

A programación chegará ao Colexio Maior de Santo Agostiño, un espazo vinculado coa infancia da escritora e no que a cantante Faia ofrecerá un espectáculo inédito, creado para esta ocasión. Outro dos novos espazos do festival será o recentemente inaugurado Centro Sociocultural Maruxa e Coralia, que acollerá "1 faba, 1 vida", o espectáculo de performance art de Ugia Pedreira e Marina Oural. Por último, o concerto da banda O Val das Mouras, o 25 de febreiro, no Teatro Principal, porá o broche final a este programa de celebración e festa.

Programa 
Feira de produtos rosalianos. Feira de produtos que teñen a Rosalía como inspiración, produtos con 'marca Rosalía', activa os días 24 (17.30-21.00) e 25 (12.00-21.00) de febreiro.

Venres 24
17.30h | Apertura da Feira e Benvida de Super Rosalía
18.00h | A VIAXE DE ROSALÍA. Teatro de monicreques a cargo de Larraitz
Urruzola. Praza de Cervantes
19.00h | OS ESPAZOS DE ROSALÍA EN SANTIAGO. Paseo literario con
Mercedes Espiño. Saída da Praza de Cervantes.
20.30h | Concerto de ADHARA & RHITMAN. Praza de Cervantes

Sábado 25
11.00h | Apertura da Feira e Visita de Super Rosalía
12.30h | PRIMAVERA VAI CHEGAR. Recital musicado con Faia. Colexio Maior de Santo Agostiño.
13.00h| PASARRÚAS ROSALIANO. Pasarrúas teatralizado con Os Quinquilláns. Saída da Praza de Cervantes.
13.30h | PRIMAVERA VAI CHEGAR. Recital musicado con Faia. Colexio Maior de Santo Agostiño.
16.30h | CHOVE MIUDIÑO. Espectáculo infantil con Sole Felloza. Praza de Cervantes
17.30h | O FEMINISMO EN ROSALÍA: MÁIS UN SUPERPODER. Faladoiro con María Xesús Lama, Carme Adán e María Reimóndez. Praza de Cervantes
18.30h | 1 FABA, 1 VIDA. Poesía e música con Ugia Pedreira e Marina Oural. CSC Maruxa e Coralia.
19.30h | NON HAI QUEN LLOS BOTE. Recital poético con Andrea Nunes, Ánxela Lema, Lucía Aldao e Diana Kurich. Praza de Cervantes
20.30h | Concerto de O VAL DAS MOURAS. Teatro Principal

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X