O Teatro Colón acolle o 31 de marzo a Gala de entrega dos premios do Deporte da Deputación da Coruña
O xurado reuniuse hoxe na sede da Deputación
Os galardóns buscan distinguir publicamente as persoas e entidades que destaquen pola súa traxectoria deportiva, logros ou contribución ao fomento da práctica deportiva
A sede da Deputación da Coruña acolleu hoxe a reunión do xurado dos I premios do Deporte convocados pola institución provincial, unha iniciativa coa que se pretende recoñecer a actividade dos deportistas e entidades máis destacadas da provincia.
O xurado está presidido pola deputada de Deportes, Cristina Capelán, e integrado por profesionais de referencia no eido da información deportiva como Paulo Alonso, xefe de Deportes de La Voz de Galicia; Alberto Torres, director do DXT Campeón; María Varela, xornalista de Deportes de La Opinión de A Coruña; Fran Hermida, xefe de Deportes de Radio Coruña-SER e Silvia Carregal, directora de As Nosas, xornal de deporte feminino.
O fallo darase a coñecer na Gala do Deporte que a Deputación organiza o vindeiro 31 de marzo no Teatro Colón da cidade herculina, coa presenza de centos de clubs e persoeiros do ámbito deportivo da provincia.
Os premios do Deporte da Deputación da Coruña contan con 12 categorías: Mellor deportista masculino, Mellor deportista feminina, Mellor deportista veterano masculino, Mellor deportista veterana feminina, Mellor deportista promesa masculino categoría base, Mellor deportista promesa feminina categoría base, Mellor deportista con diversidade funcional masculino, Mellor deportista con diversidade funcional feminina, Mellor adestrador, Mellor árbitro/a xuíz/a, Mellor entidade colaboradora e Premio a toda unha vida dedicada ao deporte.
Ademais, o xurado resérvase o dereito de realizar ata catro mencións, sempre que o considere oportuno, para aquelas persoas ou entidades que desenvolvesen unha actuación no ámbito do deporte digna de ser destacada a nivel provincial.
Os premios consisten nun galardón conmemorativo e un diploma acreditativo, ademais do recoñecemento social que a Deputación promoverá a través dos medios de comunicación e das súas redes sociais.