Estás en:Emprego Novas

O foro “A Lingua e o reino” cruza o seu ecuador cunha visita ao pasado de esplendor da Catedral de Santiago

A Deputación da Coruña e a Rede da GaliLusofonia continúan a espallar coñecemento sobre o medievo a través de actividades diversas no marco das xornadas 'A Lingua e o Reino, entre Compostela e Braga, cun prolífico programa que comezou en xaneiro e rematará en maio

O director técnico – conservador do Museo da Catedral de Santiago de Compostela, Ramón Yzquierdo Peiró, guiará o percorrido catedralicio baixo o nome "Unha catedral para un reino", ofrecendo novas ópticas a vellos espazos

O foro “A Lingua e o reino” cruza o seu ecuador cunha visita ao pasado de esplendor da Catedral de Santiago

A Catedral de Santiago de Compostela é a seguinte parada da viaxe medieval iniciada polo foro de coñecemento "A Lingua e o Reino, entre Compostela e Braga" que organiza a área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña. Tras catro exitosas actividades nas que se cubriron todas as prazas dispoñibles, unha nova proposta segue o ronsel das anteriores, esgotando o número de prazas antes mesmo de ser presentada de xeito oficial.

Nesta ocasión trátase da visita guiada á Catedral de Santiago de Compostela baixo o nome de "Unha catedral para un reino" e da man dun dos maiores coñecedores deste emblemático símbolo artístico e histórico, Ramón Yzquierdo Peiró, director técnico-conservador do Museo da Catedral.

Doutor en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, cunha tese centrada no estudo das coleccións artísticas da catedral de Santiago, e Licenciado en Xeografía e Historia, cunha ampla formación en museoloxía, xestión e conservación do patrimonio cultural, Peiró ofrecerá as chaves para entender o fundamental papel xogado por reis e raíñas na creación e consolidación do fenómeno xacobeo e da catedral compostelá, tamén no que respecta ao ámbito artístico, sendo unha das paradas principais o Panteón Real. A visita será o vindeiro martes 14 de marzo, ás 17.30 horas e terá unha duración aproximada dunha hora.

Vindeiras actividades
O programa do foro "A Lingua e o Reino, entre Compostela de Braga" decorrerá até maio e ten previstas as seguintes actividades culturais:

  • Día 28 de marzo, 19.30h, na EOI de Santiago. Palestra: Lírica galego-portuguesa, a poesía dun Reino, con Mariña Arbor, filóloga, investigadora e profesora na Universidade de Santiago.
  • Día 18 de abril, 20:30h, Riquela Club. Concerto de LaMontagne & PicoAmperio. Música medieval galaico-portuguesa, ambiente hip-hop e poesía.
  • Día 2 de maio, 19:00h, no Castelo da Rocha Forte (Compostela). Visita guiada: Castelo da Rocha Forte, Do control do territorio á revolta con Mario César Vila, doutor pola Universidade de Santiago, a súa actividade pivota entre a xestión e a difusión de proxectos culturais, do patrimonio e a arqueoloxía
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X