A Deputación convoca o XIV Concurso de viñetas para o alumnado de secundaria baixo o lema ‘Pan e rosas’
O obxecto do certame é reflexionar, concienciar, dar visibilidade e mudar mentalidades na poboación adolescente a favor da igualdade entre homes e mulleres
O prazo de presentación de orixinais rematará o 30 de marzo
Os traballos deberán versar sobre a análise e percorrido histórico da conmemoración do 8M, así como dalgún fito histórico asociado á loita polos dereitos laborais das mulleres
O departamento de Igualdade da Deputación da Coruña vén de convocar o XIV Concurso de viñetas dirixido ao alumnado de ensino secundario, baixo o lema 'Pan e rosas'. Nesta edición, os traballos deberán versar sobre a análise e percorrido histórico da Conmemoración do 8M, así como dalgún fito histórico asociado á loita polos dereitos laborais das mulleres. O prazo de presentación de orixinais rematará o 30 de marzo.
O obxecto do certame é empregar a viñeta, ou tira de viñetas (6 como máximo) para reflexionar, concienciar, dar visibilidade e mudar mentalidades, da cidadanía en xeral e da poboación adolescente en particular, a favor da igualdade.
Con esta nova edición do concurso, explica a responsable provincial de Igualdade, María Muíño, «queremos reflexionar non só sobre a desprotección e a explotación que viviron as mulleres logo da Revolución Industrial, senón propoñer a necesidade da reivindicación da igualdade salarial, as melloras das condicións laborais, a necesidade de empoderamento das mulleres e a posta en valor da súa contribución ao mercado laboral e o desenvolvemento socioeconómico».
O certame establece dúas categorías:
- CATEGORÍA A (idades comprendidas entre os 12 e 14 anos). Outorgaranse un primeiro, un segundo e un terceiro premios, e os gañadores recibirán un iPAD e unha colección de cómics por valor de 100 €.
- CATEGORÍA B (idades comprendidas entre os 15 e 18 anos). Outorgaranse un primeiro, un segundo e un terceiro premios, e os gañadores recibirán un iPAD e unha colección de cómics por valor de 100 €.