Estás en:Emprego Novas

A Deputación alíase co Rácing de Ferrol para promocionar a provincia como destino turístico en toda España

A campaña "A Coruña: unha provincia por descubrir" luce desde hoxe nas equipacións do equipo verdibranco e no cerrado da Malata.

Formoso anuncia un novo investimento de 200.000 euros para cambiar o céspede do terreo de xogo da Malata e 600.000 euros para mellorar as instalacións deportivas do Caranza

Reclama á Xunta que deixe de "castigar" a Ferrol e asine un compromiso para mellorar A Malata antes das eleccións: "Como mínimo debe aportar o mesmo que a Deputación"

A Deputación alíase co Rácing de Ferrol para promocionar a provincia como destino turístico en toda España

A Deputación alíase co Rácing de Ferrol para promocionar a provincia da Coruña e a cidade de Ferrol como destino turístico de calidade en toda España.

A campaña "A Coruña: unha provincia por descubrir" luce desde hoxe nas equipacións dos xogadores do club verdibranco e no cerrado do estadio da Malata, grazas a un acordo de patrocinio que supón un investimento de 150.000 euros e que redunda en beneficio do club, da cidade e da provincia.

O presidente Valentín González Formoso, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, o conselleiro delegado do club, Manuel Ansede, e o presidente do Rácing, Felipe Criado presentaron hoxe o acordo na Malata e posaron co corpo técnico e o cadro de xogadores nunha foto de familia coas novas equipacións.

Formoso destacou que se trata "dun paso máis no apoio da Deputación ao Rácing de Ferrol", que xunto co Deportivo da Coruña "son dous clubs de referencia do fútbol desta provincia" e "unha inspiración" para miles de rapaces e rapazas que desde os clubs e categorías de base aspiran a chegar un día a estes equipos. Neste sentido, Formoso avanzou que Deputación traballa xa nun acordo similar co club coruñés.

O presidente destacou tamén o "compromiso da Deputación" co Rácing de Ferrol, que se plasma en obras como a reforma da grada norte da Malata, na que inviste medio millón de euros, en colaboración co Concello de Ferrol, e para que xa hai un compromiso doutro medio millón para acometer a segunda fase.

O presidente anunciou ademais un novo investimento de 200.000 euros para substituír o céspede da Malata, tras dezaoito anos de uso.

Formoso reclama á Xunta un compromiso para mellorar A Malata antes das eleccións

Formoso esixiu á Xunta que deixe de esquecer nos seus orzamentos e proxectos á cidade de Ferrol. "Esixo como presidente da Deputación e como veciño desta comarca que a Xunta de Galicia colabore cunha instalación que ten moitos anos e que está castigada polo paso do tempo e pola súa situación ao lado do mar. Solicitamos á Xunta que faga investimentos nas instalacións deportivas de Ferrol, xa que os cidadáns non teñen que estar castigados por parte da administración autonómica", sinalou.

Formoso entende que, "como mínimo,a Xunta debe achegar o mesmo ca Deputación". Unha demanda que o alcalde Ángel Mato trasladou no seu día a Feijó e a Alfonso Rueda. "A resposta foi cero", afirmou.

"Os ferroláns teñen que reflexionar sobre este trato recibido, se lles parece xusta esta situación, que a Xunta pense en renovar os estadios e instalacións deportivas doutras cidades e que non pense en Ferrol é unha inxustiza. Por iso solicítolle á Xunta que asine antes das eleccións un compromiso coa cidade para mellorar este estadio", sentenciou.

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, apuntou que "o camiño amósase andando e a Deputación amosa o seu compromiso co Rácing cun investimento histórico". Mato botou tamén en falta o apoio da Xunta á cidade. "Levo catro anos sendo alcalde e a situación é indecente. Esta cidade non conta co apoio da Xunta para mellorar as súas infraestruturas deportivas".

Sobre a primeira fase das obras do fondo norte, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, apuntou que espera que estean rematadas antes do día 16, polo que o club poderá aumentar a oferta de entradas aos seareiros do Deportivo da Coruña nunha bancada para a afección visitante con capacidade para 3.000 espectadores.

Pola súa banda, o presidente do Rácing de Ferrol, José María Criado, agradeceu o esforzo da Deputación de do Concello para "facer cidade" . "Agradezo este apoio e tamén o da segunda fase no que se inclúe o deporte base porque é fundamental e ilusionante e para os clubs máis aínda".

"O noso obxectivo está cada día máis cerca. Grazas alcalde e presidente por apoiar ao club", afirmou o conselleiro delegado do Rácing, Manuel Ansede.

600.00 euros para renovar as instalacións deportivas de Caranza

O presidente da Deputación avanzou tamén un investimento importante para o deporte base en Caranza.

"A petición do alcalde fomos a ver as instalacións do Caranza, que nutre o Rácing cunha gran canteira, e comprobamos a necesidade de acometer unhas obras de mellora importantes". Asegurou que "é de xustiza mellorar as instalacións dun club que traballa para o deporte base con case 500 fichas federativa"s e por iso anunciou que "investiremos 600.000 euros para que teñan unhas instalacións decentes para que os nenos e nenas de Ferrol poidan practicar este deporte en condicións".

Formoso destacou a "xestión exemplar" de promoción do deporte que está a facer o club "sen axudas de ningún tipo" e sostivo que Concello de Ferrol e Deputación "imos estar aí para botar unha man".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X