Estás en:Emprego Novas

Adrián Ben levará o dorsal número 1 na carreira “Os 10.000 peregrinos” da Deputación da Coruña

Terá lugar o 16 de abril en Santiago e constará de varias probas: unha 10k e unha 5k homologadas pola Real Federación Española de Atletismo, unha de dous quilómetros en ruta para escolares e unha andaina de cinco quilómetros en ruta

Xa está aberto o prazo de inscrición na web www.os10000peregrinos.gal

Adrián Ben levará o dorsal número 1 na carreira “Os 10.000 peregrinos” da Deputación da Coruña

O atleta viveirense Adrián Ben Montenegro, recentemente proclamado campión de Europa de 800 metros en Istambul, levará o dorsal número 1 da carreira "Os 10.000 peregrinos" que organiza a Deputación da Coruña coa colaboración do Concello de Santiago o vindeiro 16 de abril.

Cunha mensaxe difundida a través das redes sociais e gravada desde Sudáfrica, onde está adestrando actualmente, Adrián Ben anima aos afeccionados e afeccionadas ao atletismo a "a correr en Santiago o 16 de abril" e a "celebralo todos xuntos na praza do Obradoiro".

Ademais de Ben, na carreira participarán atletas como Tariku Novales, Daniel Arce, Fernando Carro, Irene Sánchez, Cristina Ruiz ou Esther Navarrete.

Os 10.000 peregrinos, o gran evento do atletismo galego, constará de distintas probas: carreiras 10 e 5 quilómetros, homologadas pola Real Federación Española de Atletismo; unha de dous quilómetros en ruta; e unha andaina de cinco quilómetros en ruta. A saída de todas as probas será desde a rúa San Francisco e a meta estará ubicada na Praza do Obradoiro

A inscrición é gratuíta e o prazo xa está aberto nas diferentes carreiras a través da web www.os10000peregrinos.gal. Hai 3.000 prazas dispoñibles.

Categorías e premios

Haberá distintas categorías en función da idade dos participantes, desde alevíns (nados entre 2012 e 2013) ata os Máster 4 (nados en 1962 ou en anos anteriores). Tamén haberá un percorrido de dous quilómetros non homologado para as categorías escolares.

Os seis primeiros clasificados e clasificadas obterán un trofeo e un premio económico segundo o seu posto na carreira. Os premios oscilan entre os 900 euros (primeiro posto) ata os 150 euros (sexto). A entrega de premios terá lugar na Praza do Obradoiro.

A Deputación mantén o seu firme compromiso co deporte e co atletismo xa que durante todo o ano organiza varias competicións deportivas nesta modalidade co fin de potenciala por toda a provincia.

O obxectivo é impulsar a participación entre os nenos/as, mozos/as e maiores da provincia da Coruña, creando unha proba de gran relevancia no atletismo provincial e autonómico, para fomentar e promocionar o deporte, ofrecendo a posibilidade a toda a poboación de participar nunha proba única na provincia da Coruña, nun rango de idade que dará cabida a desde os máis xoves ata os de maior idade.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X