Estás en:Emprego Novas

A Deputación convoca o I Concurso de microvídeos ‘De fronte á violencia de xénero’ para a mocidade

Dotado con dez premios de 1.000 euros cada un, o prazo de admisións de traballos rematará o 15 de xuño

A Deputación convoca o I Concurso de microvídeos ‘De fronte á violencia de xénero’ para a mocidade

A área de Igualdade da Deputación, que xestiona a deputada María Muíño, vén de convocar o I Concurso de microvídeos 'De fronte á violencia de xénero', que nace co obxectivo de dar un paso máis cara a igualdade real de oportunidades entre mulleres e homes na sociedade e concienciar a mocidade e a poboación en xeral sobre a violencia de xénero dixital.

A participación está aberta a mozos e mozas de entre 12 e 18 anos que se presenten individualmente ou en grupo, contando co apoio e a orientación doutras persoas, das familias, contorna ou persoal docente do centro de estudos ao que se adscriben. Os e as participantes deberán achegar un único microvídeo orixinal e inédito, non premiado con anterioridade nin difundido publicamente por ningún tipo de soporte nin canle, cunha duración mínima de 30 segundos e máxima de 90, en galego e atendendo á perspectiva de xénero.

O obxecto do certame é elaborar un microvídeo a través do cal se xere reflexión, conciencia, sensibilización, identificación e prevención das violencias de xénero dixital, entendidas estas como todas as condutas de violencia de xénero que se exercen a través das novas tecnoloxías, redes sociais ou en Internet.

Preténdese que a poboación adolescente cree debate, reflexión, mobilización e cambio social sobre o ciberacoso, sexting, sextorsión, stlaked, grooming, shaming, doxing ou calquera outra forma de acoso nas redes.

A convocatoria tramitarase de xeito telemático, a través da plataforma de tramitación electrónica da Deputación (SUBTEL).

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X