Estás en:Emprego Novas

Boiro acollerá o 15 de agosto a tradicional Bandeira de Traíñas da Deputación da Coruña

Dezaseis clubs de remo masculinos e femininos da provincia disputarán a bandeira nunha que se vén celebrando cada verán desde hai máis de tres décadas

Repartiranse 24.000 euros en premios

Boiro acollerá o 15 de agosto a tradicional Bandeira de Traíñas da Deputación da Coruña

FOTO (ARQUIVO). CR Cabo de Cruz, gañadores da Bandeira de Traíñas 2022 celebrada en Ferrol o ano pasado

Boiro acollerá o 15 de agosto a tradicional Bandeira de Traíñas da Deputación da Coruña, unha proba na que compiten cada verán os principais clubs de remo da provincia e que este ano chega á súa trixésimo terceira edición na categoría masculina e á cuarta edición no caso da feminina. As bases deste evento deportivo prublícanse hoxe no Boletín Oficial da Provincia.

A competición, organizada coa colaboración da Federación Galega de Remo, contará coa participación dun total de 16 clubs da provincia (10 masculinos e 6 femininos), que disputarán a Bandeira nunha regata de 3 millas mariñas. Repartiranse 24.000 euros en premios entre os clubs participantes.

A deputada de deportes en funcións, Cristina Capelán, lembrou que se trata dunha competición "que leva máis de tres décadas celebrándose cada verán nas rías da provincia" e que "froito da aposta pola igualdade no deporte do actual goberno provincial" conta tamén desde 2019 cunha edición feminina na que este ano competirán seis clubs. "Como cada ano será un dos grandes espectáculos das traíñas en Galicia, máis aínda no caso de Boiro, onde existe unha gran tradición e arraigo do deporte do remo", afirmou a deputada, que agradeceu a colaboración da Federación Galega de Remo e do Concello de Boiro para a organización deste evento.

16 equipos e 24.000 euros en premios

Na competición masculina participarán 10 equipos: Club de Remo Narón, Club do Mar de Mugardos, Club de Remo de Ares, Club de Regatas Perillo, Club de Remo de Muros, Club de Remo Puebla, Club Remo Rianxo, Club de Remo de Cabo de Cruz, Club de Remo Náutico de Ribeira e Club de Remo A Cabana de Ferrol

Na feminina participarán un total de 6 equipos: o Club de Remo Mugardos, o Club de Remo A Cabana de Ferrol, Club de Regatas Perillo, Club de Remo de Cabo de Cruz, Club de Remo de Rianxo e Club de Remo Puebla.

Os premios en categoría masculina oscilan entre os 2.500 euros para o primeiro clasificado e os 700 euros do décimo, mentres que na feminina van dos 2.500 do primeiro aos 1.200 do sexto clasificado.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X