A Deputación concede 81 axudas a entidades deportivas para financiar infraestruturas e equipamento
O investimento previsto para esta liña de subvencións é de 563.779,88 euros
A través desta convocatoria sufráganse actuacións a entidades deportivas en toda a provincia como a mellora da iluminación de campos de xogo, compra de embarcacións, furgonetas e material deportivo
A Deputación da Coruña vén de conceder un total de 81 axudas a diferentes entidades deportivas sen ánimo de lucro da provincia para financiar gastos en infraestruturas e equipamentos durante o ano 2023.
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou hoxe, xoves 31 de agosto, a concesión das axudas nas que a institución provincial investirá 563.779,88 euros, oscilando entre un mínimo de 1.000 euros e un máximo de 40.000 euros.
As axudas permitirán financiar construcións (edificios e outros inmobles de uso deportivo), material inventariable como son colchonetas, pesas, balóns, porterías, canastras, tatamis ou similares. Os petos electrónicos e traxes de neopreno, son algúns exemplos das axudas para equipación.
Por outra banda, é de destacar o incremento de solicitudes para a compra de vehículos, remolques e embarcacións, así como equipos electrónicos para a mellora da práctica ou rendemento deportivo.
A resolución provisional da convocatoria pode consultarse en:
https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2023/08/31/2023_0000007007.pdf