A Deputación leva a Oroso esta fin de semana a gran cita do fútbol alevín na provincia
Os 36 mellores equipos da provincia disputarán o Trofeo Alevín de Fútbol Deputación da Coruña e haberá actividades paralelas e de ocio para toda a familia
Oroso acollerá esta fin de semana a II edición do Trofeo Alevín de Fútbol 8 da Deputación da Coruña, unha competición na que participarán os mellores equipos da categoría durante dúas xornadas festivas.
O torneo, que na súa primeira edición o ano pasado en Santiago de Compostela foi un éxito de participación, "ten como obxectivo impulsar a participación e a socialización entre os clubs de fútbol alevín da provincia, así como continuar co labor de fomentar a práctica deportiva entre a mocidade. Todo iso, nun ambiente lúdico que contará con numerosas actividades de lecer paralelas", explicou o deputado de Deportes, Antonio Leira Piñeiro, que presentou o evento xunto co alcalde de Oroso, Alex Doval, o presidente da SD Compostela, Juan Carlos Rodríguez Gesto, e Antonio Liñares, presidente do Sigüeiro FC.
Leira destacou que Oroso será esta fin de semana "o epicentro do fútbol alevín na provincia. Aquí estarán os mellores equipos e os futbolistas do futuro, pero sobre todo compartiremos unhas xornadas de deporte, convivencia e compañeirismo", afirmou o deputado, que espera un éxito de participación superior incluso ao do ano pasado en Compostela.
O torneo celebrarase en formato de Fútbol-8 mixto para categoría alevín (nenos e nenas nados nos anos 2009 e 2010). Na cita participarán un total de 36 equipos da provincia, con máis de 400 futbolistas, aos que se convida por orde de clasificación das ligas organizadas pola Federación Galega de Fútbol durante a tempada pasada.
Sistema de competición
O sistema de competición terá unha liguiña inicial de catro equipos por grupo e posteriormente eliminatorias divididas entre cadro principal e cadro secundario, en función da clasificación conseguida. Os dous primeiros pasarán á disputa das eliminatorias na parte principal do cadro e os terceiros e cuartos clasificados pasarán á parte secundaria deste, co obxectivo de que todos os equipos disputen o mesmo número de encontros.
Os partidos terán unha duración de vinte minutos a tempo corrido, salvo as semifinais e a final, nas que se xogarán dúas partes de 15 minutos cada unha.
O domingo, a partir das 19.00 horas, terá lugar a entrega de premios na que participarán o presidente, Valentín González Formoso, e o deputado de Deportes, Antonio Leira.