Estás en:Emprego Novas

O proxecto Youtubeiras, no que participa a Deputación da Coruña, convoca a sétima edición dos seus premios baixo o lema ‘Rede aberta, Rede diversa’

Os galardóns repartirán 7.500 euros entre as persoas gañadoras de oito categorías, incluído o galardón do público. A organización desvela o xurado e o prazo de inscrición remata o próximo 17 de novembro

Youtubeiras é unha iniciativa organizada polos servizos de Normalización Lingüística de Ames, Carballo, O Grove, Moaña, Pontevedra, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela e Teo, da Deputación da Coruña e da Universidade de Vigo, da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade da Coruña

O proxecto Youtubeiras, no que participa a Deputación da Coruña, convoca a sétima edición dos seus premios baixo o lema ‘Rede aberta, Rede diversa’

A deputada de lingua, Soledad Agra, participou no día de hoxe en Pontevedra, na presentación da nova edición de Youtubeiras, proxecto organizado polos servizos de Normalización Lingüística de nove concellos das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña, co obxectivo de fomentar a creación en galego no YouTube.

A través de diferentes temáticas e formatos, pon en marcha un programa que inclúe visitas de difusión e formación a centros de ensino para achegarlle á rapazada o traballo de youtubeiros e youtubeiras de gran repercusión na nosa lingua.

A deputada de lingua estivo acompañada por Demetrio Gómez Xunqueira, concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Blas García, alcalde de Ames, Victoria Quiroga, concelleira de Lingua do Concello de Rois e Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo.

A deputada destacou "a importancia e a necesidade de incentivar proxectos que poñan en valor o galego nas redes e valorou o certame como todo un referente para a comunidade creadora de contidos dixitais na nosa lingua".

A senda da consolidación é un elemento que foi destacado ao longo das diferentes intervencións para definir uns premios que, neste 2023, se celebran baixo o lema: Rede aberta, Rede diversa!

Prazo, contías e xurado

Este ano repítense as mesmas categorías e contías que en 2022 e durante a rolda de prensa tamén se difundiron os nomes que conforman o xurado deste 2023: Nee Barros (@neeumatiko), divulgadore cultural, escritore e youtubeire, quen se fixo co galardón a Youtubeira/o na pasada edición; Fátima Souto Muñiz, bolseira do Servizo de Normalización do Concello de Ames; Irene Pin, creadora audiovisual; Rodri Míguez, xornalista musical e membro de equipos de comunicación de festivais e artistas, e Belén Puime, creadora de contido audiovisual a través do perfil @pringadas.serie tanto en TikTok como en Instagram.

As categorías este ano volven ser: Canle, Youtubeira, Youtubeira Revelación, Vídeo, Calidade Lingüística, Pioneiro, Rede e o Premio do Público. Todos os apartados están dotados con 1000 euros, agás o último ao que se destinan 500 euros. Os vídeos que se presenten deberán estar subidos con data posterior ao 15 de novembro do 2022 e o prazo para presentarse iníciase hoxe mesmo e manterase aberto até o vindeiro 17 de novembro ás 23.59 horas. As persoas participantes deberán inscribirse a través da web www.youtubeiras.gal .

Campañas de difusión

O proxecto Youtubeiras non só se reduce aos premios. En realidade, é un espazo maior para a unión e ao servizo dunha comunidade diversa e tamén un espazo que se amplía ano a ano. Neste ano haberá obradoiros nos centros de ensino dos concellos implicados. A creadora de contidos María Rúa, coñecida pola canle PradoRúa, será unha das voces encargadas de achegarlle ao alumnado a realidade do galego como ferramenta de creación e posicionamento na Rede, a súa experiencia como creadora audiovisual e as claves precisas tanto para coñecer este mundo virtual como para sumarse a el.

Nesa mesma liña de difusión, realizaranse colaboracións con creadoras de contidos que se sumarán este ano ás campañas de difusión para lles dar a coñecer aos seus seguidores a comunidade de creadoras de contidos na nosa lingua. Esta iniciativa de promoción desenvolverase en plataformas e redes como Facebook, Instagram ou TikTok.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X