Estás en:Emprego Novas

A Deputada de lingua da Deputación da Coruña participou na presentación do informe anual da liña do galego 2022

A metade das queixas tramitadas pola Mesa en 2022 foron por vulnerar o dereito ao uso do galego

A Deputada de lingua da Deputación da Coruña participou na presentación do informe anual da liña do galego 2022

Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística; Sara Seco, responsable do texto; e Soledad Agra, deputada de Lingua da Deputación da Coruña, presentaron esta mañá en Compostela o informe anual da Liña do Galego correspondente ao 2022. Segundo recolle dito informe, ao longo do pasado ano, a entidade de defensa da lingua tramitou a través de chamadas, correos electrónicos e da app da Liña do galego un total de 1048 expedientes, dos que 43 foron tramitados como parabéns, 536 como consultas e 469 como queixas. Destas queixas, o 22% están relacionadas coa deturpación da toponimia, o 20% coa rotulación e sinalización, o 17% coa imposibilidade de uso do galego na atención oral e escrita, o 21% nos servizos online e o 20% por outras discriminacións (20%).

O volume de queixas e parabéns foi similar ao do ano anterior, pero nas consultas produciuse un aumento enorme, pasando de 55 no 2021 a 536 en 2022, o que mostra por unha banda a necesidade e consolidación do servizo, mais tamén a súa calidade na medida en que é capaz de conseguir unha mudanza de actitude na parte inicialmente incumpridora. Na presentación do informe, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, lembrou que A Liña do Galego é o único servizo gratuíto que se oferta en Galiza para consultas, queixas e parabéns e que neste momento só conta coa colaboración da Deputación da Coruña, cuxo compromiso destacou fronte ao absentismo das súas obrigas da Xunta de Galiza. "A acción da Liña do galego é recoñecida ano após ano nos informes da Valedora do Pobo ao Parlamento de Galicia como fundamental para resolver positivamente parte das denuncias con motivación lingüística que recibe a institución", recordou, e serve para documentar denuncias internacionais como as presentadas no Consello de Europa ou a ONU.

A responsablel do informe, Sara Seco, explicou que as consultas recibidas pola Liña do Galego teñen a ver con situacións onde inicialmente se nega a persoas usuarias de servizos a posibilidade de usar e recibir atención en galego. "Unha anomalía nun país no que teoricamente a súa lingua propia é oficial, mais que contrasta coas posibilidades reais de uso", asegurou Maceira, "e onde cada vez máis o uso se pon en cuestión invocando unha suposta obrigatoriedade de falar español".

Obsérvase un "aumento da consciencia lingüística" e da necesidade de as administracións públicas e empresas asumiren deberes e compromisos claros coa lingua. Ademais no caso das entidades públicas, concretamente as autonómicas, asúmese que teñen unha obriga maior no uso da lingua que non cumpren, unha actitude que está detrás do feito de seren o 37% das queixas recibidas, o 51% delas dirixidas á Consellaría de Sanidade e ao Servizo Galego de Saúde.


O SERGAS é o servizo máis empregado por galegos e galegas de todas as idades e que máis problemas pon á cidadanía para un uso normal do galego, na atención oral, escrita e mesmo en formularios como os de consentimento informado para cirurxías que se poden encontrar en ducias de linguas agás, sistematicamente, en galego. Cómpre lembrar que o SERGAS se negou a colaborar cunha campaña desenvolvidada pola Mesa para animar ás persoas traballadoras e usuarias a se manteren no uso do galego. "Este departamento é hoxe o que máis abertamente actúa contra o galego nunha administración autonómica xa de por si moi contraria á lingua de Galiza", salientou o presidente da Mesa.

Respecto ás empresas privadas, Sara Seco salientou como os casos mais "preocupantes", aqueles onde "as empresas se atreven, amparados na impunidade, a recriminaren á súa clientela o uso da lingua galega, instándoa a usar o castelán para completar os servizos solicitados". Dende a entidade de defensa da lingua recórdase que estes casos son de gravidade especial naqueles casos onde as empresas privadas prestan servizos contratados pola administración pública.

"A chantaxe lingüística para forzar ás usuarias e usuarios de servizos está á orde do día", salientou o responsábel da Mesa, "como unha mostra de que vivimos nunha situación onde o racismo lingüístico está absolutamente naturalizado". "Vivimos nun marco legal onde teoricamente todos e todas temos dereito a utilizar o galego nas nosas relacións de consumo, mais como na práctica as empresas non teñen obriga de corresponder, ese dereito non se pode exercer", resumiu Maceira. "As empresas que operan en Galiza deberían de ofrecer en todos os casos a opción de galego e a Xunta ten que facer que así sexa", rematou, "se realmente quixer fomentar o emprego da lingua galega, debería comezar por eliminar os límites, as chantaxes e as coaccións que impiden levar a cabo unha vida no propio idioma".

A deputada de Lingua da Deputación da Coruña, Soledad Agra, recordou que "é preciso traballar pola igualdade de dereitos lingüísticos e pola fin dos prexuízos, tópicos e actitudes negativas que aínda hoxe afectan ao uso da nosa lingua" e salientou a obriga das entidades públicas á hora de "garantir que calquera persoa que así o desexe poida desenvolver a súa vida plenamente en galego con normalidade". Neste sentido, Agra salientou a "esperanza" que supón A Mesa e confirmou o compromiso do seu departamento coa Liña do Galego.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X