Leira destaca a “aposta da Deputación polo deporte inclusivo” na presentación dos 27 Xogos de Baloncesto Special Olympics Galicia
O obxectivo da xornada é dar visibilidade ao colectivo e demostrar que todas as persoas son capaces de participar en igualdade de condicións na sociedade galega
O evento celebrarase este domingo, 12 de novembro, no Pazo dos Deportes de Riazor
O deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, participou esta mañá na presentación da edición número 27 dos Xogos autonómicos de Baloncesto para persoas con discapacidade intelectual Special Olympics Galicia, que contan coa colaboración da Deputación da Coruña.
O deputado provincial, Antonio Leira, destacou "a aposta da Deputación polo deporte inclusivo, a través do apoio a unha gran cantidade de iniciativas que teñen como fin que persoas con discapacidade se involucren na práctica deportiva en distintas disciplinas".
O evento, que terá lugar este domingo, 12 de novembro, no Pazo dos Deportes de Riazor, está organizado por Special Olympics Galicia e conta coa colaboración da Deputación, do Concello da Coruña, de FADEMGA e Special Olympics España.
A competición contará cun total de 343 persoas participantes, das cales 233 son persoas con discapacidade intelectual. O obxectivo desta xornada é dar visibilidade ao colectivo e demostrar que todas as persoas son capaces de participar en igualdade de condicións na sociedade galega.