Santiago acolle esta fin de semana unha cita coa mellor ximnasia rítmica do mundo
O deputado de Deportes, Antonio Leira, participou na presentación do evento, que conta coa colaboración económica da Deputación da Coruña
Medio milleiro de xoves atletas, entre elas primeiras figuras do panorama internacional, participarán os días 18 e 19 de novembro de 2023 no Xacobeo de Ximnasia Rítmica II Torneo Internacional VIRAVOLTA-JAEL e III Gala Internacional de Ximnasia Rítmica, que organiza no Multiusos Fontes de Sar o club Viravolta.
O deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles;; a concelleira de Deportes de Santiago, Pilar Lueiro; o presidente da Federación Galega de Ximnasia, José Manuel Estévez; o director de Jael Joyería, José María Fernández; e a presidenta do Club Viravolta e directora do torneo, Wendy Rey, presentaron esta mañá en Compostela a cita deportiva, que estará amadriñada un ano máis pola olímpica española Carolina Rodríguez. O importe das entradas, que xa se poden comprar en www.clubviravoltasantiago.com, destinarase ás actividades da Asociación de Nenos Oncolóxicos de Galicia, ASANOG.
Cita competitiva e exhibición de estrelas
A cita conta cun apartado competitivo (o sábado e o domingo polas mañás), no que participarán unhas 350 ximnastas de clubes de Galicia e do resto de España; e dunha gran gala (o sábado pola tarde) na que se poderán ver os exercicios dalgunhas das mellores especialistas do momento a nivel internacional.Longines e Jael Joyería, xunto co Xacobeo, son os patrocinadores principais da cita, que conta tamén co apoio da a Deputación da Coruña, Deporte Galego da Xunta de Galicia e o Concello de Santiago. A presidenta do Viravolta, Wendy Rey, destacou que a cita está favorecendo que a especialidade teña "cada ano máis adeptos en Santiago e en toda Galicia. Sempre é un luxo contar coas mellores deportistas, que dan un exemplo de superación ás rapazas que comezan na ximnasia".
Estrelas internacionais na Gala do sábado
Neste sentido, Rey destacou a participación de estrelas como Daria Varfolomeev (Alemaña), Campioa do Mundo este curso e chamada a ser a gran dominadora da ximnasia rítmica mundial nos próximos anos. O presidente da Federación Galega, José Manuel Estévez, destacou que Varfolomeev "é un auténtico portento. Vela en directo, a ela e ao resto de ximnastas que estarán en Santiago, é un auténtico luxo". Entre as participantes atópanse tamén Anastasia Simakova (Alemaña), Fanni Pgniczki (Hungría) ou Giorgia Galli. A Selección Española de rítmica achega tamén ás súas mellores competidoras: o conxunto sénior, clasificado para os Xogos de París 2024, e as actuacións individuais de Polina Berezina, Alba Bautista, Teresa Gorospe, Lucía González ou Cristina Korniychuk. No programa da gala haberá tamén espazo para o deporte adaptado, coa actuación de ximnastas con diversidade funcional.
Un evento con gran proxección exterior
O deputado de Deportes, Antonio Leira, quixo deixar claro que "este non é un torneo calquera. É un referente máis alá de Galicia e, detrás del, hai moito traballo. Non é doado reunir a este elenco de estrelas", apuntou, destacando que "Compostela é o sitio ideal para unha cita deste tipo".
O director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, indicou que a Xunta de Galicia "apoiará sempre eventos deste tipo, que teñen unha gran proxección exterior e axudan a desestacionalizar a demanda turística". Merelles remarcou que a cita é posible grazas "á colaboración entre institucións e a un patrocinador privado, Jael Joyería, que tamén o foi do Xacobeo 21-22". "Galicia conseguiu chegar este ano aos 5,7 millóns de visitantes, en boa parte grazas a festivais e eventos de calidade coma este", dixo.
Cita solidaria cos nenos oncolóxicos
Pola súa banda, a concelleira de Deportes de Santiago, Pilar Lueiro, animou ao público a acudir a unha cita que "traerá a Santiago a grandes figuras mundiais do deporte". Lueiro puxo o acento na dimensión social do evento: "É especial para min que se lle dedique a recadación a Asanog. Hai que agradecer o traballo da organización".
José María Fernández, director de Jael e tamén presidente de Asanog, destacou o feito de que a entrada do torneo se vaia destinar ás actividades desta asociación, que apoia a nenos e nenas pacientes oncolóxicos: "Máis alá do gran espectáculo que se poderá gozar na gala e da competición de clubs, esta cita ten un compoñente social que me satisfai dobremente", explicou.
Na organización do torneo colaboran desinteresadamente numerosas empresas eentidades galegas e esta edición terá de novo unha vertente solidaria, posto que parteda recadación se destinará a financiar programas de apoio a nenos diagnosticados decancro e as súas familias a través de ASANOG (Asociación de Axuda a NenosOncolóxicos de Galicia).