A Deputación trae á cidade da Coruña o mellor ciclismo internacional coa primeira etapa d' O Gran Camiño 2024
Formoso destaca que "a Torre de Hércules será a principal protagonista da primeira etapa nun evento que reúne a algúns dos mellores ciclistas do mundo"
A Torre será punto de saída da contrarreloxo individual de 15 quilómetros que inaugurará a proba o vindeiro 22 de febreiro
Xa está confirmada a presenza de equipos de primeiro nivel mundial como Groupama FDJ e Team Jumbo Visma
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado de Deportes, Antonio Leira, e o concelleiro de Deportes da cidade da Coruña, Manuel José Vázquez, participaron esta mañá na presentación da terceira edición de O Gran Camiño xunto co organizador da carreira, Ezequiel Mosquera, e o exciclista profesional, Gonzalo Rabuñal, na Torre de Hércules.
A Torre herculina, Patrimonio Mundial da Unesco, contará cun protagonismo especial, acollendo a etapa inaugural da edición do ano 2024, que será unha contra o reloxo individual de 15 quilómetros coa que arrincará a carreira o 22 de febreiro de 2024.
O presidente destacou "a Torre de Hércules como gran escenario desta gran volta, que seguro marabillará tanto a ciclistas como a espectadores nesta edición, como xa fixo o ano pasado a Praza do Obradoiro".
O dirixente apuntou que "O Gran Camiño é, en certo modo, a Volta Ciclista a Galicia que nunca debeu desaparecer" e subliñou "o gran escaparate que supón para Galicia, e en particular para a provincia da Coruña, unha proba ciclista destas dimensións, pola que xa pasaron grandes estrelas a nivel mundial como o dobre gañador do Tour de Francia, Jonas Vingegaard, ou unha das iconas do ciclismo español, como é Alejandro Valverde".
Formoso destacou "a gran cantidade de xente que trae a Galicia unha proba destas características, que mobiliza preto de 1.000 persoas entre equipos, corredores, auxiliares e medios de comunicación, e que proxecta a imaxe da Coruña a nivel internacional e repercute de xeito notable na economía de toda Galicia, especialmente no sector servizos".
Pola súa banda o organizador da carreira, Ezequiel Mosquera, quixo destacar a colaboración da Deputación para poder levar a cabo este evento, que xa sitúa a Galicia no mapa mundial do ciclismo.
Segundo indicou Mosquera "nesta nova edición contaremos aínda con máis estrelas mundiais, traendo á cidade da Coruña a Champions League do ciclismo".
A terceira edición de O Gran Camiño arrincará o 22 de febreiro desde a cidade da Coruña cunha contra o reloxo de 15 quilómetros, e contará con outras tres etapas nas provincias de Ourense, Pontevedra e Lugo.
Para a celebración da proba xa está confirmada a presenza de dous equipos da elite mundial, como son o Groupama Fdj e o Jumbo Visma Road, que conta nas súas filas con corredores de renome como o propio Jonas Vingegaard, Wout Van Aert ou Sepp Kuss.
O ano pasado contou coa presencia de 126 corredores de 25 nacionalidades diferentes, e equipos de renome no panorama internacional como Movistar, Astana, Cofidis ou o Eolo Kometa, e outros equipos de gran tradición en España como Euskaltel Euskadi, Burgos BH ou Caja Rural, que son un gran escaparate no ciclismo español.
Gran escaparate a nivel turístico internacional
A celebración desta proba supón un gran impulso turístico a nivel internacional, coa posta en valor de distintas localizacións de interese. As catro provincias galegas contan con escenarios de privilexio para a práctica deste deporte, que fomentan tanto a chegada de seguidores que veñen ás nosas terras para ver a carreira, como futuras visitas que se xeran a través da televisión e das redes sociais.
Na edición anterior a proba foi vista por case dous millóns de espectadores entre as canles de Eurosport e a TVG, aumentando considerablemente o número de visualizacións do ano anterior. Os países con maior índice de audiencia son, España, Dinamarca, Portugal e Francia. Así mesmo, o número total de impactos en redes sociais foi de case 9 millóns.
Estes números dan boa mostra do grande interese que xerou esta proba ciclista no panorama nacional e internacional, que co paso das edicións ve incrementada a súa expectación.