A deputada Soledad Agra entrega os Premios Igualdade de Xénero da Deputación
Os premiados dos diferentes certames da área de igualdade coincidiron esta mañá no acto de entrega celebrado no MUNCYT, no que se repartiron máis de 117.000€ en premios
"Estes premios enmárcanse no apoio desta institución á cidadanía que se implica cara á consecución dunha sociedade xusta, libre, igualitaria e democrática" apunta a deputada
O MUNCYT da Coruña converteuse esta mañá no escenario de entrega dos premios Igualdade de Xénero da Deputación nun acto que, ademais, contou coa actuación de Aldao Lao. A deputada de igualdade, Soledad Agra, fixo entrega dos galardóns ás persoas e centros educativos premiados nas diferentes categorías dos certames que organiza a área de igualdade da entidade provincial, repartíronse un total de 117.200€.
Estes premios, que forman parte do Plan de acción de Igualdade da Deputación no que se planifican as políticas públicas para os concellos da provincia, supoñen "un apoio á cidadanía que se implica cara á consecución dunha sociedade xusta, libre, igualitaria e democrática", destaca Soledad Agra. "Somos conscientes de que queda moito por facer para conseguir a igualdade real, para que deixen de existir condutas machistas e violencias contra as mulleres en todos os ámbitos sociais, por iso cremos que a mellor maneira na que podemos investir os nosos fondos é transferíndollos ás entidades e persoas que se implican nese tan necesario traballo".
Gañadores dos premios
O Premio "Concepción Arenal" a proxectos educativos pola igualdade de xénero repartiu 15.000€ entre o Colexio de Educación Infantil e Primaria de Outes na modalidade de educación infantil; o Colexio de Educación Infantil e Primaria CEIP María Pita en educación primaria, e o Instituto de Bacharelato Rosalía de Castro de Santiago de Compostela.
O Concurso de Microvídeos " De fronte á Violencia de Xénero", con premios de 1.000€, está enfocado ás violencias dixitais, premiando a rapaces e rapazas de entre 12 e 18 que elaboren un microvídeo que axude á poboación adolescente a crear debate, reflexión, mobilización e cambio social sobre esta temática. Os gañadores e gañadoras foron Lucía García Amado e Iria Gavilanes Villar, por "Detrás das túas palabras" e Irene Rama Fraga e Aarón Fernández López, por "Apaga o móbil", dos Tilos.
O Premio "Luisa Villalta" a proxectos pola Igualdade, pola súa parte, destinou 100.000€ a dez propostas que poñen en valor o papel histórico, económico, social e cultural das mulleres: "Donas da súa vida", de Nuria Prieto González; "Que din as Rumorosas", de María Helga Méndez García; "María Barbeito: innovación e resistencia", de Artefeito Produccións; "Unha música no insti", de Laura Romero Pereira; "As voces das Mulleres", d' A Antena; "Proxecto de investigación escénica e escritura do texto dramático Villamiseria", de María Victoria Teijeiro Álvarez; "En clave de muller", de Genma María Pardo Faraldo; "Cara ao exilio. Gloria Rodríguez", de La Nuestra comunicación publicitaria; "Flores de ferro 2.0" de Melandrainas Creativa e "A Nai" de Carmen García Facorro.
E, por último, o concurso de viñetas "Pan e Rosas", en dúas categorías, de 12 a 14 anos e de 15 a 18, con primeiro, segundo e terceiro premio en cada un, con un importe de 100€ en cómics e un iPAD, para traballo arredor da conmemoración, premiou, na primeira categoría a MAGO MACÍN; ZEBRYSTA, do Concello da Coruña e LOREM IPSUM, do Concello de Oleiros.
As persoas e centros premiados recolleron os seus galardóns da man da deputada de igualdade nun acto que puxo en valor o traballo individual e colectivo da sociedade civil na loita contra a violencia de xénero, e que contou, ademais, coa actuación de Aldao Lao. Soledad Agra agradeceu o labor de todos os premiados e premiadas, e fixo un chamamento xeral para a participación nas vindeiras edicións destes galardóns. No caso do Premio Luisa Villalta está aberto actualmente o prazo de presentación das propostas.