Comeza unha nova edición do Festival Muller á Escena en Carral e Cambre
A programación desta mostra, que pon en valor o traballo da muller creadora, desenvolverase en ambos os dous concellos durante os meses de xaneiro e febreiro
"Con esta iniciativa queremos contribuír a visibilizar o traballo das mulleres creadoras" apuntou a deputada de igualdade, Soledad Agra
O Festival Muller á Escena, organizado pola área de igualdade da Deputación, estrea unha nova edición que terá lugar nos concellos de Carral e Cambre durante os meses de xaneiro e febreiro. Esta mostra, que pon en valor o traballo das mulleres creadoras, conta cunha programación que inclúe espectáculos teatrais, pezas audiovisuais e charlas divulgativas.
"Queremos contribuír a poñer en valor o traballo das mulleres creadoras, que son moitas no noso país, a través da perspectiva de catro artistas de diferentes disciplinas" apuntou a deputada de igualdade, Soledad Agra. "Apostamos por unha programación protagonizada por artisas emerxentes e outras xa consagradas para combinar diversas miradas sobre a invisibilización das mulleres en espazos artísticos".
Programación de xaneiro en Carral
O concello de Carral acollerá as actividades de xaneiro: ademais das que xa se celebraron o xoves 11 e venres 12, os vindeiros xoves 18 e o xoves 25 ás 20h haberá charlas na Casa da Cultura: Noelia Darriba abordará o "bo trato" e Mariana Carballal falará do papel da muller na industria audiovisual. E, os venres 19 e 26 ás 20:30h o Auditorio Xente Nova acollerá as funcións de Carmen Conde "Tabú", e de Diana Sieira, "The Witch", respectivamente.
Programación de febreiro en Cambre
Pola súa banda, a programación de febreiro desenvolverase no concello de Cambre. Os venres 2, 16 e 23 ás 20:00h terán lugar diferentes mesas de reflexión: o día 2 Viki Ribadulla falará sobre a creación plástica en feminino; o 16, Olga Osorio exporá a súa experiencia sobre o camiño dunha directora de cine e o 23, María Solar reflexionará sobre literatura e muller. Os sábados 3, 17 e 24 ás 20:30h celebraranse os espectáculos de Estíbaliz Veiga, "Golpes"; Vanessa Rivas con "Vestido de Voda", e María Milagros con "Miluka Suriñac".
O Festival Muller á Escena, promovido pola Deputación da Coruña e comisariado por Xosé Leis, enmárcase no Plan de Igualdade da entidade provincial, que persegue a exposición e reflexión do papel da muller na sociedade "para contribuír a alcanzar un mundo máis feminista e, polo tanto, máis xusto".