Formoso destaca a aposta da Deputación polo deporte base na entrega dos premios do campionato galego de Waterpolo
Celebrouse esta fin de semana na piscina municipal das Pontes
O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, participou hoxe na piscina municipal da localidade na entrega de premios do campionato galego de inverno de waterpolo, que se celebrou esta fin de semana o municipio pontés.
Formoso felicitou aos máis de cen participantes, chegados de diferentes puntos de toda Galicia para participar nesta importante cita deportiva "que reúne aos mellores clubs e deportistas do waterpolo galego".
O presidente destacou as preto de 800 entidades deportivas que reciben cada ano o apoio da Deputación para promocionar o deporte de base na provincia e que contribúen "a inculcar na mocidade a importancia da práctica deportiva para unha vida sa, así como a importancia dos valores que se asocian ao deporte, como o traballo en equipo e a capacidade de superación".
"Desde a Deputación e desde o Concello das Pontes, o noso recoñecemento a cada club, a cada deportista, a cada un dos que contribúen cada día co seu traballo a situar ao deporte da provincia da Coruña á vangarda do deporte galego", afirmou o presidente.
Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Natación, Juan Carlos Brión, agradeceu "o apoio e a hospitalidade do Concello das Pontes, que puxo á nosa disposición unhas instalacións magníficas".