Estás en:Emprego Novas

A Deputación trae á cidade da Coruña a terceira edición d' O Gran Camiño, coa participación dos mellores ciclistas do mundo

A proba desenvolverase o 22 de febreiro e proxectará á cidade herculina en máis de 170 países

Jonas Vingegaard, Egan Bernal, Ethan Hayter ou Carlos Rodríguez son algúns dos deportistas de elite presentes nesta competición

A Deputación trae á cidade da Coruña a terceira edición d' O Gran Camiño, coa participación dos mellores ciclistas do mundo

A terceira edición do Gran Camiño, a proba ciclista por etapas máis importante de Galicia e unha das mellores de España, comezará o xoves 22 de febreiro cunha etapa contra o reloxo que se desenvolverá integramente na cidade da Coruña. A alcaldesa, Inés Rey, presidiu hoxe a presentación desta competición acompañada polo deputado de deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, e o promotor da proba, Ezequiel Mosquera, entre outros.

"É unha honra que a nosa cidade marque o comezo deste evento, que se retransmitirá en directo a máis de 170 países", sinalou a alcaldesa, que confirmou a participación dos mellores ciclistas do mundo, como Jonas Vingegaard (vixente gañador do Tour de Francia), Egan Bernal, Ethan Hayter ou Carlos Rodríguez. "O Gran Camiño aspira a consolidarse dentro do calendario internacional e A Coruña quere ser decisiva para o seu crecemento", apuntou Rey.

O deputado de Deportes, Antonio Leira, destacou que, tras o éxito da anterior edición en Santiago o ano pasado, a Deputación aposta en 2024 pola cidade da Coruña como "escenario ideal para proxectar ao mundo a imaxe do mellor ciclismo, con deportistas internacionais que nos achegarán ao mellor ciclismo do mundo", afirmou o deputado.

A etapa coruñesa terá a Torre de Hércules, no seu décimo quinto aniversario como Patrimonio da Humanidade, como punto de saída e chegada. Está prevista a participación de 120 ciclistas, que partirán un a un desde o faro, levando a cabo un percorrido de 14,9 quilómetros que atravesará o paseo marítimo, os barrios de Cidade Escolar, Labañou, Os Rosales e O Portiño, desde onde os participantes regresarán polo paseo marítimo ata a Torre. Está previsto que o primeiro corredor saia ás 14.40 horas.


A alcaldesa destacou que, con só dúas edicións desenvoltas, O Gran Camiño xa é un referente nacional e internacional, formando parte do calendario internacional da UCI e sendo escollido no 2022 como mellor evento deportivo de Galicia. "O xoves 22 viviremos unha gran festa do deporte e do ciclismo na cidade. Unha proba única que lles permitirá aos amantes deste deporte e aos coruñeses e coruñesas en xeral ver en directo os mellores ciclistas do mundo", indicou Rey.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X