Estás en:Emprego Novas

A Deputación apoia ao Hóckey Club Coruña feminino na súa participación na OK Liga

O presidente Valentín González Formoso e os deputados Antonio Leira e Yoya Neira visitaron no Pazo dos Deportes ás xogadoras e corpo técnico do equipo coruñés, creado o ano pasado e que xa ocupa o 5ª posto na máxima categoría do hóckey nacional
Formoso subliña o apoio da Deputación ao deporte feminino na provincia

A Deputación apoia ao Hóckey Club Coruña feminino na súa participación na OK Liga

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, e a deputada delegada de Educación e Mocidade, Yoya Neira, achegáronse ata o Pazo dos Deportes da Coruña para seguir o adestramento do Hóckey Club Coruña Feminino e amosarlle o seu apoio para o que resta de temporada tanto ás xogadoras como ao corpo técnico e directivos.

A entidade provincial vén de asinar un convenio co conxunto coruñés, aprobado no último pleno, co que colabora no financiamento do club cunha achega económica de 15.000 euros.

Formoso quixo subliñar "o noso apoio ao Hóckey Club Coruña Feminino, un equipo creado hai moi pouco e que xa ocupa lugar destacado na Ok Liga, a máxima categoría do hóckey nacional, cualisificouse para a Copa da Raíña e está realizando un bo desempeño na WSE Champions League Women".

"As xogadoras están sendo todo un exemplo para todas as rapazas da provincia que queren chegar a practicar deporte de alto nivel, independentemente do deporte que practiquen", afirmou.

Apoio ao deporte feminino

O presidente provincial quixo destacar "a aposta da Deputación da Coruña polo deporte na nosa provincia, e en particular ao deporte feminino, incluíndo beneficios para aqueles clubs que teñan categorías femininas nas bases das subvencións e creando modalidades deportivas femininas de todos os campionatos que organiza a Deputación".

A Deputación realiza unha importante aposta á hora de fomentar o deporte feminino na provincia. Unha das medidas postas en marcha é a de aumentar a puntuación nas bases das subvencións para aqueles clubs que posúan categorías femininas de deporte base.

O ente provincial creou modalidades deportivas femininas de todos os campionatos que convoca, como a Copa Deputación de Fútbol ou a Bandeira de Traíñas e campionatos mixtos como a Copa Deputación de Balonmán na Rúa.

Ademais, nos Premios do Deporte da Deputación e nas bolsas que concede a entidade, cada vez son máis as deportistas que reciben o apoio e o recoñecemento.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X