A Deputación inviste este ano 319.000 euros no financiamento de persoal técnico dos servizos municipais de igualdade de xénero
Beneficiaranse dezaseis concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes
A Deputación da Coruña investirá este ano 310.000 euros no programa de subvencións a municipios de menos de 20.000 habitantes e outras entidades locais para o financiamento de persoal técnico e axentes de igualdade de xénero. A Laracha, A Pobra do Caramiñal, Arzúa, Betanzos, Brión, Coirós, Fene, Mañón, Negreira, San Sadurniño, Santa Comba, Tordoia, Touro, Trazo e Vimianzo son os concellos que se beneficiarán neste exercicio das axudas, que tamén recibirá a Mancomunidade de Municipios de Ordes.
O programa ten por obxecto contribuír a que os concellos dinamicen e desenvolvan iniciativas que acurten a fenda de xénero, en coordinación co departamento de Igualdade provincial e dentro do I Plan de acción das políticas de igualdade de xénero 2019- 2023.
«Con este investimento», explica a deputada de Igualdade, Soledad Agra, «seguimos contribuíndo ao avance pola igualdade entre homes e mulleres no territorio provincial, que non sería posible sen persoal técnico especializado que facilite a colaboración entre concellos e Deputación e a posta en marcha e mellor impacto e eficacia das accións necesarias».
«Como mostra deste compromiso pola igualdade», engade, «ademais desta liña de axudas a concellos e outras a entidades sen fins de lucro, a Deputación leva posto en marcha diversos proxectos, entre os que destacan o Programa de Apoio á Rede de Acollemento para Mulleres en situación de violencia de xénero (PRAM); programas socioeducativos e culturais; concursos e campañas de prevención da violencia machista; bolsas de investigacións; cursos de formación en igualdade; ou os plans de emprego para favorecer unha maior participación da muller no mercado laboral».
«A igualdade como valor precisa que compartamos un proxecto común, construído dende o territorio e con axentes do territorio; por iso debemos seguir investindo en programas coma este».
A relación dos dezaseis beneficiarios e a contía que recibirá cada un publicouse no BOP do 9 de febreiro e pode consultarse e descargarse na seguinte ligazón: FOAI/2024