Estás en:Emprego Novas

Joshua Tarling gaña a primeira etapa de O Gran Camiño na Coruña

O deputado de Deportes, Antonio Leira, participou na entrega do maillot de líder ao gañador da etapa coruñesa

Joshua Tarling gaña a primeira etapa de O Gran Camiño na Coruña

O ciclista británico Joshua Tarling, do equipo Ineos Grenadiers, conseguiu hoxe a primeira malla de líder na terceira edición de O Gran Camiño, tras imporse na primeira etapa, unha contrarreloxo individual de 15 quilómetros disputada este xoves na cidade da Coruña.

Tarling foi o máis rápido no trazado coruñés, con saída e chegada na emblemática Torre de Hércules, e cun tempo de 18 minutos e 21 segundos. En segunda e terceira posición remataron o irlandés Darren Rafferty (+00:42) e o español Pablo Castrillo (+00:48).

O deputado de Deportes, Antonio Leira, xunto a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e outras autoridades participaron esta tarde na entrega de premios aos gañadores, e destacou "a relevancia dun espectáculo ciclista de talla internacional que a Deputación da Coruña trae á cidade herculina e que disputan un total de 118 ciclistas de 21 nacionalidades".

"Foi unha oportunidade única para seguir en vivo o mellor ciclismo do mundo, aínda que a meteoroloxía non acompañou ao espectáculo nesta ocasión", afirmou Leira.

O Gran Camiño continuará mañá venres na provincia de Lugo, cunha segunda etapa de 151,2 quilómetros no corazón da Ribeira Sacra, con saída en Taboada e meta en Chantada.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X