Estás en:Emprego Novas

A Deputación inviste 270.000 euros na contratación de técnicos deportivos en 20 concellos da área de Santiago

O deputado de Deportes, Antonio Leira, visitou Oroso para coñecer os programas deportivos que se desenvolven no municipio

Destacou o compromiso da Deputación co deporte de Oroso, apoiando aos clubs locais e realizando importantes investimentos en infraestruturas deportivas como o campo de fútbol ou o pavillón que se construirá en Sigüeiro

A Deputación inviste 270.000 euros na contratación de técnicos deportivos en 20 concellos da área de Santiago

O deputado responsable da área de Deportes, Antonio Leira, xunto co alcalde de Oroso, Alex Doval, os concelleiros Luís Rey e Jesús Fernández e o técnico de Deportes municipal, Manuel Cruz, visitou o centro deportivo Juanito Amigo, onde supervisou algunhas das actividades deportivas que se desenvolven no municipio, un dos vinte que na comarca de Compostela contan cun técnico deportivo contratado coas axudas que a Deputación da Coruña destina a este fin.

Leira destacou que a Deputación destina este ano 904.000 euros para financiar este programa, que permitirá a 67 concellos da provincia, vinte deles na comarca de Compostela, contratar ou manter no seu cadro de persoal a técnicos deportivos "que teñen como misión dinamizar a actividade deportiva dos municipios e planificar un calendario de actividades para todos os públicos".

O deputado sinalou que se trata dun programa que "contribúe de maneira directa á xeración de 62 empregos noutros tantos municipios da provincia" e, ademais, "facilita a realización de programacións deportivas con actividades variadas e estables, promovendo a práctica do deporte e a actividade física entre os veciños e veciñas de todas as idades nos concellos da provincia".

"O compromiso da Deputación co deporte en Oroso é moi claro", afirmou o deputado, que é tamén é concelleiro na localidade, destacando o apoio provincial a numerosos clubs e entidades deportivas do municipio e investimentos importantes como os 300.000 euros investidos para a mellora do campo de fútbol ou os 400.000 comprometidos para o novo pavillón polideportivo de Sigüeiro.

O alcalde, Alex Doval, agradeceu a cooperación da Deputación "que é o paraugas dos concellos máis pequenos para o sostemento do posto de traballo dun técnico de Deportes que nos axuda a organizar todas as actividades e eventos deportivos que organiza o municipio".

CONCELLOS DA COMARCA DE COMPOSTELA QUE CONTARÁN CUN TÉCNICO DEPORTIVO DA DEPUTACIÓN EN 2024

CONCELLO

ACHEGA

A Baña

15.000

Ames

15.000

Boimorto

15.000

Boqueixón

10.000

Dodro

15.000

Frades

10.000

Melide

10.000

Mesía

15.000

Oroso

10.000

Padrón

15.000

Rois

15.000

Santa Comba

15.000

Santiso

15.000

Teo

15.000

Toques

15.000

Touro

15.000

Trazo

15.000

Val do Dubra

10.000

Vedra

10.000

O Pino

15.000

Total

270.000

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X