Estás en:Emprego Novas

O Festival Rosalía celebra en Santiago dúas xornadas de poesía, música e teatro para enxalzar unha autora que foi e segue a ser “unha auténtica revolución” para Galicia

A Deputación da Coruña, coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, conmemoran entre hoxe venres e mañá sábado na praza de Mazarelos o 187º aniversario do nacemento da escritora cun programa amplo e diverso

O Festival Rosalía brindaralle ao público mañá, entre a súa variada oferta, unha ruta teatralizada da man dos Quinquilláns, o concerto de Loita Amada e un recital poético con Nuria Vil, Lúa Mosquetera, Sol Mariño e Rosalía Fernández Rial

O Festival Rosalía celebra en Santiago dúas xornadas de poesía, música e teatro para enxalzar unha autora que foi e segue a ser “unha auténtica revolución” para Galicia

"Un referente", "unha figura consciente" e "unha verdadeira revolución". Así se definiu esta tarde, na apertura do Festival Rosalía, a insigne escritora galega nunha rolda de prensa na que interviñeron a deputada de Lingua da Deputación da Coruña, Soledad Agra, e a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín. Este encontro rosaliano, organizado pola Deputación da Coruña coa colaboración do Concello de Santiago, chega neste 2024 á súa sexta edición, que se celebra hoxe e mañá na compostelá Praza de Mazarelos para conmemorar o 187º nacemento da autora de Follas Novas baixo o lema Un grande atrevemento.

Agra, na súa intervención, sinalou que este festival procura "poñer en valor a herdanza que nos deixou Rosalía", ao tempo que lembra e reivindica "o seu amor pola nosa lingua, pola nosa cultura e pola nosa terra". A deputada de Lingua, ademais, engadiu que o Festival ten "dous obxectivos claros". O primeiro, "amosar a diversidade da creatividade galega" e, o segundo, enxalzar a figura de Rosalía como "orixe e motor da produción poética contemporánea galega"
Pola súa banda, Goretti Sanmartín realizou un chamamento á cidadanía para acudir ao Festival Rosalía, gabou a escritora como "símbolo de grande importancia para o conxunto do pobo galego" e subliñou que a obra rosaliana "paga a pena lela hoxe" polos temas que trata. A alcaldesa de Compostela engadiu que "Rosalía é un todo" e quixo poñer o foco na ampla produción creativa e cultural que "artistas, asociacións culturais, colectivos e investigadoras" emprenderon ao longo dos anos para abandonar os tópicos que arrodearon a poeta e situala como o que é: " unha heroína" e " un referente".
O programa do Festival Rosalía 2024 —que inclúe un recital, a presentación de libros, un pasarrúas escénico, varios concertos, un concurso colectivo de coñecemento sobre Rosalía ou mesmo unha feira artesá—, destaca pola vontade que atravesa o conxunto de actividades para pór en valor a diversidade e a calidade da creación artística da nosa lingua e as novas dimensións que se lles outorga desde diferentes disciplinas tanto á figura de Rosalía como ao noso idioma.
O Festival Rosalía está xa a brindarlle ao público dous días de intensa actividade. Nesta primeira xornada, o protagonismo está a recaer en artistas e formacións como A Trastenda dos Contos e a súa sesión Somos ríos, somos fontes, somos regatos pequenos; o Dúo Vaguedades, proxecto conformado por Isabel Risco e Fran Rei no que encarnan respectivamente a propia Rosalía e mais a Eduardo Pondal; e Indóciles, proxecto multidicisplinar que reúne a cantante e compositora Mónica de Nut, a narradora oral Vero Rilo e a resitadora Nuria Vilán Prado (coñecida artisticamente como Nuria Vil) para achegarlle ao público a obra de Luísa Villalta, autora homenaxeada nas Letras Galegas deste ano. Ademais, o Festival Rosalía abriu esta tarde unha feira de artesanía, onde o público puido encontrar produtos rosalianos de diferentes artesáns.

Poesía e música para mañá
A segunda xornada do festival Rosalía non dará descanso ao ofrecerlle á asistencia unha actividade continuada ao longo de todo o día. Así, mañá sábado o programa comezará ás 11.00, momento en que abrirá a feira de artesanía e principiarán os obradoiros de xogos populares. Xa ás 12.00 h chegaralle a quenda a Ópera Break's, un espectáculo que mestura canto lírico, break-dance, Beatbox e Dj nunha única función de grande calidade artística ao unir en escena a soprano Esperanza Mara e os artistas urbanos do colectivo Vella Escola. Ás 13.30 horas, chegará a sesión vermú da man de Luís Vallecillo, que actuará para o público familiar co seu espectáculo Cantamos con... Rosalía de Castro!

Ás 16.30 h, o grupo Quinquilláns ofrecerá un pasarrúas teatralizado que atravesará a cidade nun percorrido circular. Esta ruta viaxará a 1880. Rosalía está a piques de abandonar Compostela e, na compaña do seu amigo Paz Novoa, pasea polo zona vella. Ás 17.00 h, terá lugar Contos nunha roda, sesión de narración oral baseado en Rosalía de Castro e nos seus Cantares gallegos.
Media hora despois, ás 17.30 h, dará comezo o Quiz Rosaliano, un concurso aberto para que cadaquén amose os seus coñecementos sobre a autora e gañar así algún dos paquetes cos produtos rosalianos que se entregarán como recompensa. Ás 18.30 horas, a investigadora Pilar García Negro presentará o seu libro Intenso e solidario Feminismo. Estudios Rosalianos, na compañía da editora Mª Carme Pérez-Sanjulián.

Ás 20.00 horas, Chan da Pólvora Editora reunirá no recital O atrevemento da voz nos versos catro voces que fixeron da oralidade un instrumento de potencialidade poética: Rosalía Fernández Rial, Sol Mariño, Lúa Mosquetera e a xa amentada Nuria Vil. E para lle pór o ramo á súa sexta edición, o Festival Rosalía despedirase ás 21.15 h coa actuación de Loita Amada, que presentará o seu traballo discográfico Rematou o simulacro.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X