Soledad Agra participa na presentación do Informe anual da Liña do Galego correspondente ao 2023 da Mesa pola Normalización Lingüística
A deputada de normalización lingüística destacou que "é preciso traballar pola igualdade de dereitos lingüísticos e pola fin dos prexuízos, tópicos e actitudes negativas que aínda hoxe afectan ao uso da nosa lingua" e salientou a obriga das entidades públicas á hora de "garantir que calquera persoa que así o desexe poida desenvolver a súa vida plenamente en galego con normalidade"
A Deputación da Coruña apoia o proxecto da Liña do Galego da Mesa pola Normalización Lingüística
Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, e Soledad Agra, deputada de Lingua da Deputación da Coruña, presentaron en Compostela o Informe anual da Liña do Galego correspondente ao 2023. Un informe que forma parte do apoio da Deputación da Coruña á Liña do Galego: un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística dirixido a toda a poboación que tramita queixas cara ás institucións, empresas, etc., que vulneran os dereitos lingüísticos; así como parabéns para quen dea pasos cara a garantía do dereito a vivir en galego.
Segundo recolle dito informe, ao longo do pasado ano, a entidade de defensa da lingua tramitou a través de chamadas, correos electrónicos e da app da Liña do galego un total de 1129 expedientes, dos que 650 foron consultas, 29 foron parabéns e 450 foron queixas. Destas queixas, a gran maioría estiveron motivadas polas discriminacións e exclusións lingüísticas (28%) e pola toponimia deturpada (25% ). Un apartado no que as queixas medran ano tras ano é o referido ao uso do galego nas web e servizos en liña, que ao longo de 2023 supuxo o 22% das queixas recibidas pola Liña do Galego. O establecemento da vida dixital leva as persoas galego falantes a se decataren de que os seus dereitos lingüísticos son vulnerados acotío nestes servizos en liña.
Na presentación do informe, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, lembrou que A Liña do Galego é o único servizo gratuíto que se oferta en Galiza para consultas, queixas e parabéns e que neste momento só conta coa colaboración da Deputación da Coruña, cuxo compromiso destacou fronte ao absentismo das súas obrigas da Xunta de Galiza. "A acción da Liña do galego é recoñecida ano após ano nos informes da Valedora do Pobo ao Parlamento de Galiza como fundamental para resolver positivamente parte das denuncias con motivación lingüística que recibe a institución", recordou, e serve para documentar denuncias internacionais como as presentadas no Consello de Europa ou a ONU.
A deputada de Lingua da Deputación da Coruña, Soledad Agra, recordou que "é preciso traballar pola igualdade de dereitos lingüísticos e pola fin dos prexuízos, tópicos e actitudes negativas que aínda hoxe afectan ao uso da nosa lingua" e salientou a obriga das entidades públicas á hora de "garantir que calquera persoa que así o desexe poida desenvolver a súa vida plenamente en galego con normalidade". Neste sentido, Agra salientou que "non debera ser a sociedade civil a que se organice na defensa dos seus dereitos lingüísticos", pero mentres teña que ser así o compromiso do seu departamento coa Liña do Galego será inquebrantable e anima a cidadanía a facer uso deste servizo.