Estás en:Emprego Novas
Día de Europa

Por las fronteras de Europa, con Mercedes Monmany

Para celebrar o Día de Europa, traémosche a nosa autora máis europeísta: Mercedes Monmany. Non perdas o seu podcast nin os seus últimos libros neste día tan especial

Por las fronteras de Europa, con Mercedes Monmany

Del Drina al Vístula: lecturas centroeuropeas (3L/1368) é unha obra que nos mergulla na fascinante e rica cultura de Europa Central. A través das súas páxinas, Mercedes Monmany transpórtanos a través das paisaxes, as historias e as tradicións de países como Polonia, Hungría e Croacia da man de autores da talla de Adam Zagajewski, Olga Tokarczuk, Mircea Cărtărescu, Danilo Kiš... É unha viaxe literaria que nos permite descubrir a identidade e a diversidade cultural europea desde os ollos dos seus escritores máis prominentes, xoias aínda por descubrir para a maioría dos lectores, literaturas secretas que nos serán desveladas pola avezada pluma de Mercedes Monmany, coñecedora de vellas, e exploradora de novas, grandes letras europeas

Durante os séculos XX e XXI, Europa e as súas nacións non permaneceron estables: dramáticos acontecementos, as guerras e a xeopolítica  lograron que as súas fronteiras se alterasen, se reconfigurasen para chegar a coñecela como hoxe é. Cada un deses cambios nútrese de drama, de traxedias persoais; e todas esas fronteiras cambiadas, construídas ou destruídas teñen oculta unha intrahistoria, un cúmulo de pequenas historias persoais que merece a pena ser contadas e escoitadas. E como non, entre esas voces tamén se esconden grandes escritores, comunicadores, que a través das súas obras, as súas palabras, nos deixaron constancia duns momentos históricos, dunha loita, nuns libros onde se unen os recordos, a historia e a literatura. Revolucións, dúas guerras mundiais, crises económicas... van deixar unha profunda pegada neles, nas súas vidas e no seu legado.


Enorme foi o labor de Mercedes Monmany á hora de compilar a historia de moitos destes grandes autores que viviron, morreron e fuxiron dos totalitarismos que arrasaron o continente europeo e que está recollida na súa obra Por las fronteras de Europa (3M/32791), todo un tratado da literatura europea de fronteira no que Mercedes percorre a vida e a obra de máis de 300 autores europeos ao longo de 1500 páxinas.

Tampouco debemos esquecer a súa obra Ya sabes que volveré (3M/33682), gañadora do Premio Caballero Bonald, sobre tres grandes escritoras que acabaron no campo de concentración de Auschwitz: Irène Némirovsky, Gertrud Kolmar e Etty Hillesum, nin Sin tiempo para el adiós (3M/2674) onde escritores, artistas e intelectuais, das máis diversas nacionalidades e procedencias, escapan dos totalitarismos, das persecucións raciais e políticas, das guerras, das deportacións e internamentos en campos de concentración


Agora, seguindo esa mesma liña, Mercedes Monmany sorpréndenos cun marabilloso podcast, que emite RTVE, co mesmo título. Nel poderedes atopar audios de 10 a 15 minutos sobre distintos autores. Un pequeno bocado, un aperitivo de cada un eles para coñecelos e poder penetrarnos así, na súa literatura, e a través dela, nun anaco da súa vida e da máis recente historia europea. Non deixedes de seguilo os martes!

Mercedes Monmany paixón por Europa.png

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X