EUROPE DIRECT A Coruña abre o prazo para inscribirse na segunda edición do Encuentro ClubUE que se celebrará en Oviedo no mes de xullo
Estas xornadas de intercambio xuvenil están dirixidas a membros do ClubUE de EUROPE
DIRECT A Coruña e EUROPE DIRECT Asturias
O número de prazas dispoñible é de 10 e o prazo de inscrición está aberto ata o 4 de xuño
EUROPE DIRECT A Coruña abre a inscrición para a segunda edición do #EncuentroClubUE, as xornadas de intercambio xuvenil entre membros do ClubUE de Europe Direct A Coruña e do ClubUE de Europe Direct Asturias. #EncuentroClubUE celebrarase do 9 ao 11 de xullo na Federación Asturiana de Concejos (Oviedo).
EUROPE DIRECT A Coruña ten dispoñibles 10 prazas para os mozos e mozas de 18 a 26 anos que pertenzan ou se dean de alta no ClubUE. Ademais, do requisito de idade, as persoas interesadas han de ter vínculo coa provincia da Coruña por residencia. A asignación de praza realizase por orde de inscrición, a través do seguinte formulario en liña: https://emprego.dacoruna.gal/europedirect/europe-direct-coruna/agenda/2024/encuentroclubue/
O #EncuentroClubUE 2024 permitirá o encontro de ata 20 mozos e mozas que compartirán espazos, formación e experiencias con outras mozas e mozos galegos e asturianos. O grupo seleccionado colaborará en dúas áreas: por un lado, o Espacio Europa, o punto de encontro para o intercambio de experiencias, o networking, o debate europeo e para descubrir o Oviedo máis europeo; por outro lado, o #EncuentroClubUE ofertará como experiencia formativa un Bootcamp centrado na ciberseguridade, a concienciación dixital e a educación no uso responsable de internet baixo a perspectiva das políticas e accións da Unión Europea. Esta formación abordará temas como a seguridade emocional en liña, o desenvolvemento dun perfil dixital seguro ou a desinformación.
EUROPE DIRECT A Coruña é un centro de información oficial da Comisión Europea que pertence á Deputación da Coruña. A misión do centro, que iniciou a súa traxectoria no ano 1996, é traballar coa cidadanía, os medios de comunicación e as entidades locais cos obxectivos de implicar á poboación en temas europeos, así como proporcionar contidos sobre as políticas e as prioridades da UE. Tamén axudar á Comisión Europea a adquirir unha visión xeral das sensibilidades locais relacionadas coas súas políticas e promover a cidadanía europea activa nas escolas.
Para información complementaria, pódese contactar a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, no número de teléfono 981 080 331.