Estás en:Emprego Novas

Preto de 4.000 persoas visitaron este ano a mostra interactiva Experiencia Europa, que continúa a súa itinerancia por concellos da provincia para dar a coñecer a relevancia da transición dixital

Vimianzo e Frades acollerán a exposición durante os meses de setembro e outubro

A exposición permite explorar contidos informativos, xogos, vídeos, visitas virtuais e experiencias inmersivas para afondar no coñecemento da Unión Europea e a súa influencia no día a día

Preto de 4.000 persoas visitaron este ano a mostra interactiva Experiencia Europa, que continúa a súa itinerancia por concellos da provincia para dar a coñecer a relevancia da transición dixital

Experiencia Europa continúa a súa itinerancia pola provincia da Coruña despois de recibir preto de 4.000 visitantes nos concellos de Valdoviño, Carral, Dumbría, Porto do Son, Negreira e Pontedeume. Esta exposición interactiva que busca achegar ao público o funcionamento da Unión Europea e a súa influencia no día a día a través dunha experiencia dixital, terá dúas paradas máis este outono, nos concellos de Vimianzo e Frades.
Dende o 10 de setembro e ata o 7 de outubro a mostra estará na Casa da Cultura de Vimianzo. A continuación viaxará ao concello de Frades, onde poderá verse no Centro Sociocomunitario de Ponte Carreira dende o 7 ata o 28 de outubro.

A exposición ten como eixo principal a relevancia da transición dixital na Unión Europea. A través de dispositivos multimedia con pantallas táctiles o público pode explorar as diferentes propostas de información, que teñen formatos variados como vídeos ou xogos. Un deles é Espazo Europa, unha contorna virtual que mestura 3D e 4D na que se poden explorar os símbolos e valores da Unión Europea, así como a importancia da cultura e a ciencia. Tamén está dispoñible un espazo dedicado a descubrir o Parlamento Europeo, a través de vídeos, xogos e outros soportes.

A experiencia continúa na área "Aprende, visita, xoga e participa". Nela haberá un apartado dedicado ao coñecemento da Intelixencia Artificial, no que a Unión Europea é pioneira na súa regulación e tamén visitas virtuais a institucións europeas e xogos educativos para todas as idades.

Experiencia Europa tamén ofrece un recuncho interactivo no que os cidadáns e cidadás terán a oportunidade de contribuír coa súa opinión a un estudo provincial sobre os principais retos para o futuro da Unión Europea e no que xa participaron preto de 200 persoas. A mostra permite tamén que o público leve como recordo da súa experiencia unha fotografía xerada por un sistema de intelixencia artificial que insire ao usuario en diferentes espazos e que xa se empregou en máis de 3.000 ocasións.

A exposición complétase cunha mostra de vídeos realizados por EUROPE DIRECT A Coruña e que achegan información tanto xeral como especializada das oportunidades de participación e formación que ofrece a Unión Europea aos diferentes públicos.

EUROPE DIRECT A Coruña é un centro de información oficial da Comisión Europea que pertence á Deputación da Coruña. A misión do centro, que iniciou a súa traxectoria no ano 1996, é traballar coa cidadanía, os medios de comunicación e as entidades locais cos obxectivos de implicar á poboación en temas europeos, así como proporcionar contidos sobre as políticas e as prioridades da UE. Tamén axudar á Comisión Europea a adquirir unha visión xeral das sensibilidades locais relacionadas coas súas políticas e promover a cidadanía europea activa nas escolas.

Para información complementaria, pódese contactar a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, no número de teléfono 981 080 331.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X