Estás en:Emprego Novas

A memoria LGTBIQA+ en Galicia e o sexilio centran o debate na xornada inaugural do III Congreso A memoria é diversa

A deputada de Igualdade e Dereitos Civís, Soledad Agra, defendeu "a obriga da Deputación de se comprometer a apoiar e promover iniciativas para dar visibilidade, estudar e axudar a normalizar a vida das persoas que son discriminadas por razón da súa orientación sexual ou identidade de xénero"

A memoria LGTBIQA+ en Galicia e o sexilio centran o debate na xornada inaugural do III Congreso A memoria é diversa

Hoxe comezou no espazo de intervención cultural A Normal, da Universidade da Coruña, o III Congreso A memoria diversa, arredor da memoria LGTBIQA+ en Galicia, organizado pola Área de Lingua, Política de Igualdade e de Xénero e de Dereitos Civís da Deputación da Coruña, dentro do seu programa 'Liberdade de ser e de sentir'.

A debate en todos os relatorios, o tema do sexilio, que xa centrou as reflexións da mesa de presentación, 'A memoria tamén é diversa', na que participaron a deputada de Igualdade e Dereitos Civís, Soledad Agra; a vicerreitora de Igualdade e Diversidade da Universidade da Coruña, Cristina López Villar, e o comisario do congreso, Marcos López.

Agra defendeu "a obriga da Deputación de se comprometer a apoiar e promover iniciativas para dar visibilidade, estudar e axudar a normalizar a vida das persoas que son discriminadas por razón da súa orientación sexual ou identidade de xénero".

"Os sexilios", afirmou a deputada, "seguen existindo hoxe en día". "O camiño que 'outres' fixeron", engadiu, "levounos a unha mellora impresionante nos dereitos das persoas do colectivo LGTBIQA+ nestes últimos anos, pero é moito máis fácil perdelos do que custou gañalos, por iso non debemos deixar que sigan medrando os discursos de odio e de rexeitamento á non heteronormatividade".

"Non admito que ser libre para ser e sentir", rematou, "sexa algo que haxa que 'tolerar': é un dereito, é xustiza social, e loitaremos para conseguilo para que ninguén teña nunca que sexiliarse".

Sandra López, da asociación de mulleres para a igualdade e visibilidade lésbica Les Coruña, presentou e moderou a segunda mesa, 'O sexilio de Elisa e Marcela', sobre "Elisa e Marcela", a proposta teatral que A Panadaría estreou en 2017 e se converteu nun dos fitos do teatro galego nos últimos anos, con 280 funcións por toda a península en máis dunha ducia de premios acadados. Participaron no coloquio Gena Baamonde, autora do texto e directora da montaxe, e Alién Kendelman, cofundadora da compañía e creadora, actriz e compositora da música da obra.

Na segunda conversa, 'A memoria de Eduardo Blanco Amor. A poesía do sexilio', conducida por Eva Mejuto, autora do libro editado pola Deputación "Memoria diversa", interviron o xornalista, poeta e editor Antón Lopo e o músico e escritor Éric Dopazo. A xornada rematou co proxección do vídeo da canción "Eduardita", de Piratas sen parche.

Programa de mañá

10 horas. Os sexilios a través do tempo e dos espazos. Presentada e moderada por Xandre Garrido, da Asociación Avante LGBT+.

  • Sexilio e metronormatividade, con Ignacio Elpidio Domínguez Ruiz, investigador e antropólogo.
  • O periplo de Teresita: sexiliadas galegas do primeiro terzo do século XX, con Daniela Ferrández, investigadora posdoutoral (USC) sobre a historia da disidencia sexual en Galiza.
  • De Rusia a Galiza: o sexilio hoxe, con Roman Efremov, refuxiado político ruso e activista LGBT.

13 horas. Inadaptacións, desvíos, extravíos, fugas e reencontros: autobiografía dunha paxara. Coa socióloga e escritora Fefa Vila. Presenta a música e poeta Lucía Aldao.

17 horas. Maricón perdido: marchar para ser. Con Bop Pop, xornalista, escritor e creador da serie "Maricón perdido". Presenta Óscar Rodríguez, da Asociación ALAS A Coruña.

18.30 horas. Desafiando o esquecemento: abordando a ausencia de memoria de homes trans. Con Ares Piñeiro, sexólogo e secretario de Errespetuz, e Nee Barros, activista e 'escritore'. Presenta e modera Max Suárez, da Asociación Arelas.

20 horas. Concerto 'Loita amada', do grupo Tabernarios, formado por Marcelo Dobode e Víctor Movilla.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X