Estás en:Emprego Novas

A área de Igualdade da Deputación impulsa obradoiros de capacitación dixital para a detección de violencias sexuais

Os talleres desenvolveranse 10 centros de atención a persoas con discapacidade, comezando hoxe en Val do Dubra, e continuando nas vindeiras semanas en Noia, Cee, Narón, Ortigueira, Oleiros, Ames, Boiro, Betanzos e Boimorto

Cunha duración mínima de 2 horas, os contidos e metodoloxía de cada obradoiro están adaptados ás necesidades específicas de cada grupo, propiciando a participación activa

A área de Igualdade da Deputación impulsa obradoiros de capacitación dixital para a detección de violencias sexuais

Hoxe comeza en Val do Dubra, na asociación AVANTE, o primeiro dos obradoiros para a detección de violencias sexuais, impulsados pola área de igualdade da Deputación da Coruña, que se desenvolverán en 10 centros de atención a persoas con discapacidade da provincia da Coruña. Tras o de hoxe, espallaranse polos concellos de Noia, Cee, Narón, Ortigueira, Oleiros, Ames, Boiro, Betanzos e Boimorto

Cada taller terá unha duración mínima de 2 horas e os contidos e metodoloxía estarán adaptados ás necesidades específicas de cada grupo, propiciando a participación activa das persoas usuarias.

Durante as sesións abordaranse contidos para a identificación e prevención das violencias dixitais, achegándonos a conceptos como a vixilancia, o control, o ciberacoso ou a sextorsión. De xeito transversal tamén se aproximarán á importancia da seguridade e do bo uso da tecnoloxía para cuestións básicas da vida cotiá.

Os talleres están enfocados dende a perspectiva da redución de danos e diminución de riscos. Achegarase información sobre posibles ameazas do mundo virtual, como pode ser a perda de control da propia imaxe, pero tamén abordarán cuestións en positivo sobre como facer un bo uso das novas tecnoloxías para o auto coidado. Farase fincapé na importancia de pedir axuda cando sexa necesario e de ter coñecementos sobre que tipo de actos son delitivos para saber identificalos.

Os obradoiros están impartidos por Verónica Ramilo Graña, traballadora social, sexóloga e fotógrafa que colabora en proxectos especializados en sexualidade e diversidade intelectual.

Próximos obradoiros
Os obradoiros terán lugar nas seguintes datas:
• 5 de xullo: AVANTE (Val do Dubra)
• 8 de xullo: Asociación Misela (Noia)
• 9 de xullo: AMARAI (Boimorto)
• 11 de xullo: ASPADEX (Cee)
• 16 de xullo: Asociación Nuestra Señora de Chamorro (Narón)
• 18 de xullo: ASPROMOR (Ortigueira)
• 19 de xullo: ASPADISOL (Oleiros)
Datas por confirmar: entidades de Ames, Boiro e Betanzos

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X