Arrinca a Pantín Classic 2024 con máis de 200 surfistas en Valdoviño
A proba é un dos 19 grandes eventos deportivos que apoia a Deputación da Coruña
A 37 edición do Abanca Pantin Classic Galicia Pro arrinca esta fin de semana cunha das novidades desta edición 2024: por primeira vez, a proba de surf adaptado (24 e 25 de agosto) estará integrada o circuíto mundial da Para Surf League (PSL), o equivalente da World Surf League para deportistas con discapacidade.
A proba foi presentada hoxe na praia de Pantín nun acto que contou coa participación da deputada provincial de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García, Xosé Manuel Merelles, director de Turismo de Galicia, Román Díez, presidente da Federación Galega de Surf, e o alcalde de Valdoviño, Alberto Fernández, entre outros representantes de institucións e empresas colaboradoras.
Rosa Ana García destacou que nos vindeiros días Pantín será a capital do surf en Europa grazas a un evento incluído na Liga Mundial de Surf que reúne a algúns dos mellores surfistas do mundo, un dos grandes eventos deportivos que se celebran na provincia e que conta co apoio da Deputación da Coruña.
Pantín será, así, unha do catro praias de todo o mundo que acollerán un campionato de surf inclusivo dentro do circuíto mundial, xunto a Estados Unidos e Francia, como parte da aposta pola igualdade e a equidade no deporte.
En total, son 40 os surfeiros inscritos nas distintas categorías (15 mozas e 25 mozos) chegados desde Brasil, Estados Unidos, Marrocos, Suíza, Alemaña, Francia, Gran Bretaña, Países Baixos, Portugal ou España.
Entre eles, cóntase o norteamericano Dana Cummings, un dos pioneiros e lendas deste deporte, Lou Meniche (FRA), o coruñés Dani Souto ou a española Sara Almagro, todo un exemplo de vitalidade e resiliencia tras sufrir unha amputación múltiple de todas as extremidades. Almagro é toda unha subcampioa do mundo e campioa de Europa na súa modalidade que atopou no salitre o seu motor e o seu medicamento.
A proba de surf adaptado -que xa viña celebrando por iniciativa da organización nos anos anteriores- dá un salto cualitativo ao integrarse na Para Surf League (PSL), para apoiar e promover o Para Surfing en todo o mundo e que aspira a incorporase aos Xogos Paralímpicos.
A competición de parasurfing en Pantín repartirá preto de 20.000 euros en premios, unha das contías máis elevadas do circuíto como apoio para financiar o custo das viaxes e a loxística dos participantes.