Estás en:Emprego Novas

Ruando: Un percorrido pola memoria das mulleres que construíron Muros

Un proxecto da área de igualdade da Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Muros, creado por i-Radia Crea, para visibilizar a historia e o traballo das mulleres que construíron a vila

Ruando: Un percorrido pola memoria das mulleres que construíron Muros

A área de Igualdade da Deputación da Coruña, liderada pola deputada Soledad Agra, presenta Ruando, en colaboración co Concello de Muros e coa promotora i-Radia Crea. Trátase dunha iniciativa sociocultural que será presentada o próximo 18 de outubro. O principal obxectivo desta proposta é visibilizar a historia local de Muros a través das voces e experiencias das súas mulleres.

Con un enfoque de xénero, esta iniciativa busca reivindicar o papel fundamental das mulleres que, co seu traballo invisibilizado, contribuíron decisivamente ao desenvolvemento da vila. A exposición efémera, que se inaugurará o 18 de outubro, articularase como un mapa emocional de Muros, onde cada rúa estará vinculada ás historias de vida das súas habitantes, tanto presentes como pasadas.

Entre as protagonistas, destacan mulleres que foron costureiras, leiteiras, mariscadoras, conserveiras e outras profesionais de sectores tradicionalmente feminizados e a miúdo esquecidos, pero que sustentaron a economía e a vida comunitaria.

A exposición ofrecerá unha experiencia única para coñecer a historia local desde unha nova óptica, resaltando a relevancia dos espazos de socialización e as persoas que lles deron vida.
Ruando pretende dar valor á memoria local do Concello de Muros mediante unha exposición que reconstrúa o pasado da vila, poñendo en primeiro plano os espazos comunitarios que marcaron a vida da veciñanza. Ademais, busca visibilizar as historias das mulleres cotiás que, grazas ao seu esforzo e traballo constante, foron esenciais no desenvolvemento do municipio.

"As voces silenciadas que merecen ser escoitadas" é outro dos lemas que acompañan esta proposta. A iniciativa tamén promove a participación activa de persoas de todas as idades para crear un lugar inclusivo que fomente o diálogo interxeracional, que se poderá experimentar en directo a través da montaxe da empresa galega de deseño Labauh, encargada de transformar este espazo nun escenario de interacción e expresión para toda a comunidade.
A iniciativa reivindica, así, a memoria cultural e colectiva da vila desde unha perspectiva de xénero, poñendo o foco nas contribucións das mulleres ao longo da historia de Muros.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X