Estás en:Emprego Novas

Chega ao Curro da Praza muradán o proxecto de Igualdade da Deputación ‘Ruando: Memoria de Muros'

A exposición da iniciativa sociocultural, aberta ata o 24 de novembro, propón darlle visibilidade á historia local a través das voces, os rostros e experiencias das mulleres que, co seu traballo, contribuíron ao desenvolvemento da vila

Chega ao Curro da Praza muradán o proxecto de Igualdade da Deputación ‘Ruando: Memoria de Muros'

Xa se pode visitar no Curro da Praza muradán, ata o 24 de novembro, a exposición de 'Ruando: Memoria de Muros', un proxecto da área de Igualdade da Deputación da Coruña co que colaboraron o Concello de Muros e a promotora i-Radia Crea. Inaugurouse esta mañá nun acto no que participaron a titular provincial de Igualdade, Soledad Agra; a alcaldesa de Muros, María Lago Lestón; o director do proxecto, Carlos Montilla, e algunhas das mulleres protagonizan a mostra.

'Ruando' é unha iniciativa sociocultural que, cun enfoque de xénero, propón darlle visibilidade á historia local a través das voces, os rostros e experiencias das mulleres que, co seu traballo moitas veces marxinado, contribuíron ao desenvolvemento de Muros. "Mulleres anónimas ás que a Deputación quere, o mesmo que ao Concello de Muros, agradecerlles a súa implicación no proxecto e que estean dispostas a que as vexan en público coma o que de verdade son: exemplo para outras mulleres, pois, cos seus traballos case sempre subestimados e coas súas reivindicacións, fixeron posible que as mulleres de hoxe en día esteamos onde estamos e teñamos os dereitos que hoxe temos", sinalou Agra.

Costureiras, panadeiras ou mariscadoras foron, en palabras da deputada, "o motor da vila, por iso con 'Ruando' queremos insistir na importancia de visibilizalas e de que sexan referentes". "Mulleres", engadiu, "que non son as que adoitan aparecer nas exposicións, caso de poetas, escritoras ou pintoras, pero mulleres sen as que Muros non sería o que hoxe é".

O proxecto aposta tamén pola participación activa de persoas de todas as idades para crear na rúa un lugar de inclusión onde se fomente o diálogo interxeracional e se dea relevancia aos espazos comunitarios de socialización que marcaron a vida da veciñanza. "Igual que lles temos que dar voz ás 'voces silencias que merecen ser escoitadas', como ben di outro dos lemas da campaña", explicou a deputada.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X